O ARQUIVEIRO DE RIVEIRA DISECCIONOU A DÉCADA DOS ANOS 50 EN CORRUBEDO

O ARQUIVEIRO DE RIVEIRA DISECCIONOU A DÉCADA DOS ANOS 50 EN CORRUBEDO

Escrito el 08/07/2019


O arquiveiro municipal Riveira, José Antonio Otero Sobrido, foi o protagonista o pasado venres da penúltima das catro conferencias que, baixo o título común de “Corrubedo ao descuberto”, estanse a desenvolver na casa do mar desta parroquia a iniciativa da asociación Corrubedo XI Séculos.

 

A charla de Otero Sobrido, que congregou a un gran número de veciños e veciñas e na que asistiu a concelleira de Cultura María Sampedro, estivo dedicada a diseccionar a década de 1950 da localidade usando documentación histórica extraída dos fondos do Concello, revelando datos esclarecedores da vida naquel entón, principiando pola súa poboación, moito maior que a actual (2.320 habitantes de dereito e 1.580 de feito, segundo a Memoria de Xestión Corporativa de 1949) ou algunhas obras executadas naquela época (as pavimentacións da rúa da Igrexa e a da explanada do porto ou o saneamento da rúa Delicias).

 

O arquiveiro local dedicou parte da exposición a incidir na temática da educación, relatando curiosas anécdotas como o alto grao de absentismo dalgúns alumnos ou o dunha polémica “escola clandestina”. Sucesos tremendamente tráxicos como o naufraxio fronte á Cedeira en 1954 do vapor Albatros, no que morreron 8 mariñeiros corrubedáns, tamén formaron parte dunha disertación na que José Antonio Otero quixo facer fincapé no carácter indómito da veciñanza da parroquia cando se daban situacións que consideraban inxustas.

 

Invitada por Corrubedo XI Séculos, a edil María Sampedro entregou o obsequio institucional de dita entidade, consistente nunha réplica dunha das pedras identificativas dos límites do antigo coto de Corrubedo, obra do artesán Manuel Olveira Franco.

 

Última charla

A última das conferencias deste ciclo será impartida este venres ás 21 horas na casa do mar polo historiador e veciño Francisco Sánchez Fraga e levará por título “Lo que aprendí de Corrubedo”.