A Feira Medieval de Noia vai no bo camiño para conseguir os 60.000 visitantes previstos para esta edición

A Feira Medieval de Noia vai no bo camiño para conseguir os 60.000 visitantes previstos para esta edición

Escrito el 13/07/2019


Milleiros de persoas, tanto veciños de Noia como de municipios da contorna, están a desfrutar da Feira Medieval de Noia, que vai camiño de acadar o obxectivo dos 60.000 participantes fixados polo concelleiro de Cultura, Xosé Pérez. O tempo está a acompañar e, salvo algún orballo illado, a temperatura nas rúas da vila é moi agradable, o que anima aos visitantes a xantar e desfrutar dos distintos postos que ateigan as rúas do casco  histórico noiés.

 

Durante esta mañá, os asistentes desfrutaron de distintos espectáculos de animación musical e teatral pola rúa, que tiveron como culminación a primeira das catro exhibicións de cetrería que terán lugar na Praza do Tapal durante estes días. O pequeno buho “Jaimito”, que debutaba nun espectáculo público, e unha gran Buho Nival fixeron as delicias dos máis pequenos, que participaron nas distintas exhibicións realizadas. Previamente, os grupos Sbandieratori e Musici “Ducato do Parma” fixeron unha divertida actuación no Tapal.

 

Como en anos anteriores, o casco está dividido en varias zonas de actividade. Así, na rúa Porta da Vila están emprazados a maioría dos xogos infantís, coa excepción da gran noria, situada a carón da Praza da Constitución. A rúa do Curro concentra a gran maioría de postos de comida, 28 en total, dende xeados tradicionais valenciáns ata chocolates artesáns, pasando por crepes, kebabs e doces medievais. Para os que prefiran algo máis consistente, kebabs, pizzas e churrascada, todo regado con sidra ou licores tradicionais. No resto das rúas do casco histórico emprázanse os 148 postos que participan este ano na Feira Medieval noiesa.

 

Para esta tarde agárdase un incremento no número de visitantes, coincidindo co desfile e loita de cabaleiros medievais e os espectáculos nocturnos, especialmente a Consagración da Igrexa de San Martiño polo arcebispo Lope de Mendoza, que terá lugar na praza do Tapal. De feito, o concelleiro de Cultura salienta a importancia deste tipo de actividades que permiten dar a coñecer ao público a orixe de Noia e, ao mesmo tempo, poden axudar a conseguir a declaración da Feira Medieval de Noia como festa de interese turístico galego.

 

Programa dominical

 

Para mañá domingo 14 de xullo están previstos obradoiros artesanais en vivo propios do medievo: canteiros, taller de lá, acuñador de moedas, calígrafo, ferreiro, carpinteiros, pintores, curtidor e muiñeiro na rúa Escultor Ferreiro. Durante a mañá e a tarde terán lugar unha ducia de espectáculos de animación musical e teatral polas rúas de Noia: xograres, bufóns, malabaristas... Haberá dúas exhibicións de cetrería no Tapal (13:00 e 10:30 horas) e loitas de cabalerios (ás 18:30 no Malecón de Gasset e ás 20:00 horas na Hípica Celta). Para a noite están previstos dous espectáculos de lume no Tapal e na Praza do Concello, así como animacións teatrais e musicais polo casco histórico.