FRANCISCO SÁNCHEZ FRAGA CONTABILIZOU 250 INCIDENTES MARÍTIMOS GRAVES AO LONGO DA HISTORIA NO ENTORNO DE CABO CORRUBEDO

FRANCISCO SÁNCHEZ FRAGA CONTABILIZOU 250 INCIDENTES MARÍTIMOS GRAVES AO LONGO DA HISTORIA NO ENTORNO DE CABO CORRUBEDO

Escrito el 15/07/2019


Un total de 250 incidentes marítimos graves acaecidos entre Sálvora e Basoñas e, de resultas dos mesmos, 1.494 persoas falecidas é o que ten contabilizado o historiador Francisco Sánchez Fraga no entorno de cabo Corrubedo e así o referiu a pasada fin de semana durante a última das catro conferencias que, a iniciativa da asociación Corrubedo XI Séculos e coa colaboración do Concello, tiveron lugar na casa do mar da parroquia.

 

Baixo o título de “Lo que aprendí de Corrubedo”, o conferenciante –autor de libros como “Santa María del Cabo de Corrubedo (y coto del mismo nombre)” ou “Corrubedo en verso y prosa”— deu a coñecer abundantes datos acerca deste territorio dende tempos remotos ata o pasado máis inmediato.

 

Así, ante un público que volveu encher un venres máis a casa do mar, a súa intervención incidiu en temas tales como os petróglifos do Outeiro de Santiaguiño, os lindes históricos do coto de Corrubedo (segundo os cales ao histórico interrogante sobre a pertenza das dunas habería que respostar: “metade e metade”, xa que a liña divisoria descorrería entre Os Agüeiros e a desembocadura do regato do Carregal, partindo en dous os montes de area) ou o documento no que se fai referencia á doazón de Corrubedo polo rei Ordoño II ao mosteiro de San Paio de Antealtares no ano 919, documento que está motivar a conmemoración destes once séculos.

 

Unha parte da súa exposición estivo dedicada aos naufraxios pois non en ven Sánchez Fraga exerceu durante a súa vida profesional como integrante do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil. O orador matizou que os 250 incidentes marítimos con 1.494 persoas mortas é o que el ten rexistrado pero que de seguro houbo moitas máis que se descoñecen. Como maiores traxedias na nosa contorna citou os afundimentos do Captain (482 mortos), o Santa Isabel (213), o Friesland (144), o Dom Pedro (89) e o Salier (279).

 

A última parte da charla centrouse no que aprendeu a partir de conversas cos mariñeiros máis veteranos do pobo, nas que saíron a luz antigos homes de mar xa falecidos como tío Juan Franco (co que se enrolaron por primeira vez moitos veciños a bordo da súa dorna María) ou José Romay Ageitos.

 

Sánchez Fraga non quixo finalizar sen mencionar dúas vías de investigación que ao seu xuízo merecen ser exploradas por alguén e incluso plasmadas en sendas novelas: unha ten que ver coas mulleres do pobo ao longo da historia e a outra co entramado de amizades e relacións de parentesco que de maneira solidaria se foron axudando uns aos outros nas súas respectivas carreiras profesionais ata o punto de que un número elevadísimo de habitantes alcanzaron o máximo nivel en forma de armadores ou patróns de pesca nos máis importantes portos pesqueiros da xeografía española.

 

Tras un longo aplauso, foi agasallado co obsequio institucional da asociación organizadora, consistente nunha réplica dunha das pedras que marcaban os lindes do antigo coto de Corrubedo: mesmo regalo que foi entregado á nova presidenta do Club de Xubilados da parroquia, Estrella Franco; e ao artesán que fixo este agasallo, Manuel Olveira.