200 DEPORTISTAS DE CINCO PAÍSES DARANSE CITA EN RIVEIRA NO UNDÉCIMO CAMPAMENTO DE VERÁN DE TAEKWONDO SOÑO OLÍMPICO

200 DEPORTISTAS DE CINCO PAÍSES DARANSE CITA EN RIVEIRA NO UNDÉCIMO CAMPAMENTO DE VERÁN DE TAEKWONDO SOÑO OLÍMPICO

Escrito el 12/07/2019


Un total de 200 deportistas procedentes de cinco países (México, Italia, Bélxica, Portugal e España) vanse dar cita no noso municipio entre os días 15 e 21 de xullo con ocasión da undécima edición do campamento de verán Soño Olímpico que organiza o club local Natural Sport e se desenvolve no cámping Ría de Arosa 2.

 

A concelleira de Deportes do Concello, Juana Brión, e máis o presidente do Natural Sport, José Francisco Agrelo, foron os encargados de presentar esta iniciativa que, en palabras do representante do club, “pon a Riveira no epicentro do deporte de taekwondo” e que foi saudada pola edil do Concello como unha nova oportunidade de que cada vez máis xente coñeza as cualidades e virtudes do noso municipio.

 

Unha vez máis, o campamento contará con técnicos do máis alto nivel, como Joaquim Peixoto (adestrador da Selección Portuguesa), Gabriel Mercedes (medallista olímpico) ou Muoustapha Akkouh (técnico de élite en Bélxica), así como outros mestres pertencentes ao club anfitrión como Juan Luis Martínez ou Raúl Bouzas. Tamén se incidirá na formación en arbitraxe a través da implicación de María Bautista, adestradora galega con moita proxección internacional e expectativas de participar nas Olimpíadas de Tokyo.

 

Agrelo salientou a idoneidade desta iniciativa non só para perfeccionar as aptitudes e cualidades deportivas da rapazada asistente senón tamén para que estes se eduquen en valores e agradeceu a colaboración de Concello, Federación Galega de Taekwondo, Ría de Arousa 2, Serdeco e Tandem Alborés. Dentro da xeografía española, acudirán participantes de Madrid, Valencia ou as illas Canarias.

 

O presidente do club tamén lembrou que do 1 ao 5 do presente mes estivo a ter lugar a terceira edición do campamento Soño Olímpico Poomsaes e na semana en curso o sétimo do Soño Olímpico Kids, ambos con exitosa participación e adestradores de prestixio.

 

Festival Auga

Ademais, mañá sábado ás 20 horas no polideportivo de Palmeira terá lugar o festival de fin de tempada do Natural Sport: un espectáculo no que, baixo o título de Festival Auga, incluirá a participación de membros de Riveira, Caamaño, Outes ou Sada, ademais do club de baile da Escola Deportiva de Taekwondo. A entrada é libre.