A Praza do Cantón de Noia acollerá mañá mércores a Cinecleta do Sr Lili, que proxectará varias películas antigas amateurs sobre Noia

A Praza do Cantón de Noia acollerá mañá mércores a Cinecleta do Sr Lili, que proxectará varias películas antigas amateurs sobre Noia

Escrito el 16/07/2019


A Praza do Cantón de Noia acollerá mañá mércores 17 de xullo, a partir das 22:45 horas, o espectáculo “A cinecleta do Sr. Lili”, un proxecto de recuperación, restauración e exhibición de películas en formato 8 mm e súper 8 filmadas por afeccionados e cineastas amateurs. Así, os veciños e veciñas de Noia poderán desfrutar de catro historias de curta duración que lles lembrarán como era a vila no século pasado.

 

A exhibición comezará cunha peza de cinema doméstico recuperado dos anos 1958 e 1980, que dará paso á proxección “Noia no pasado: 1960-1967”. Despois proxectaranse escenas cotiás de Noia e outras localidades galegas para rematar cun filme sobre a recollida do berberecho en Noia. Catro filmes recomendados para un público maior de 12 anos.

 

A iniciativa está liderada por Fernando Pujalte (o Sr Lili) quen leva dende 2003 recompilando un interesante arquivo fonográfico e fílmico do que forman parte filmacións domésticas do século pasado, así como discos de vinilo, cintas magnetofónicas, cintas estéreo 8 e casetes da época.