O Concello de Lousame estrea o novo parque infantil do Sanguiñal (Tállara), que conta coa primeira tirolina do municipio

O Concello de Lousame estrea o novo parque infantil do Sanguiñal (Tállara), que conta coa primeira tirolina do municipio

Escrito el 17/07/2019


O Concello de Lousame vén de estrear un novo parque infantil no Sanguiñal (Tállara), cunha superficie de 231 metros cadrados e seis xogos, entre os que destaca a primeira tirolina do municipio. Unha instalación na que o Concello de Lousame investiu un total de 44.279 euros.

 

A tirolina do parque infantil do Sanguiñal está dirixida a nenos e nenas a partir dos 4 anos. Trátase dunha instalación en aceiro inoxidable dotada dunha plataforma de saída a 0,8 metros do chan e un asento de caucho con cualidades amortiguadoras, que se desliza sobre unha altura de un metro e permite percorrer uns 20 metros. Ademais, dispón dunha superficie de seguridade para o seu freado.

 

Así mesmo, o parque dispón dun equipo combinado para nenos maiores de 3 anos formado por torre con tellado, muro de escalada, rede vertical de cordas e tobogán; un xogo de muelle individual con forma de pato e outro dobre con forma de polo; un trampolín de salto para nenos maiores de 3 anos; e dous columpios: un con asento-cesta para nenos de 2 a 8 anos e outro mixto de dúas prazas.

 

O parque dispón dun pavimento de seguridade continuo de caucho de cores para protección fronte a caídas e con espesores variables, dependendo dos requirimentos de seguridade de cada un dos xogos instalados. A instalación infantil está rodeada por un valado de 24 metros en madeira de pino vermello do norte.

 

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “nun futuro queremos cubrir este parque para que os nenos e nenas poida xogar nel tamén no inverno. Será o segundo parque cuberto, despois do que está no Punto de Atención á Infancia, e poderemos facelo porque está nunha zona abrigada e que se presta a facelo, xa que noutros lugares é moito máis complexo”. Iso si, antes de acometer a cubrición deste parque, o Concello de Lousame ten previsto renovar e mellorar os xogos do parque infantil de Vilacova.

 

Nos últimos anos o Concello de Lousame leva investidos máis de 250.000 euros na construción e mellora de parques infantís no municipio: no CPI Cernadas de Castro, no Punto de Atención á Infancia de Tállara, na Casa da Cultura, nas unitarias de Escabia e Béxeres, en Camboño e agora neste de Sanguiñal.