A directora xeral de Xuventude asiste a un taller de rap, incluído no proxecto “Mocidade en movemento” do Concello de Lousame

A directora xeral de Xuventude asiste a un taller de rap, incluído no proxecto “Mocidade en movemento” do Concello de Lousame

Escrito el 16/07/2019


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a concelleira de Servizos Sociais de Lousame, Silvia Agrafojo, visitaron aos rapaces e rapazas do Campamentos de Verán, que incluíron un obradoiro de rap impartido por Vella Escola enmarcado no proxecto de iniciativas locais presentado polo Concello de Lousame. “Estivemos vendo o que poden aprender os rapaces e rapazas con este tipo de iniciaitvas, que son moi enriquecedoras para eles dende o punto de vista da creatividade e a innovación”, destacou Cristina Pichel, que aproveitou para “animar aos rapaces e rapazas da zona a participar nas outras accións que se van poñer en marcha”.

 

Durante algo máis de hora e media, medio cento de rapaces e rapazas de Lousame participaron nun obradoiro de rap en galego, onde aprenderon a escribir e interpretar versos en lingua galega, facendo un achegamento á lírica, ritmos e temáticas do rapeo. Así, a rapazada elaborou o seu propio rap e despois desafiou ao profesor a unha divertida sesión de improvisación.

 

Este obradoiro foi impartido no marco dos Campamentos de Verán do Concello de Lousame, que se imparten esta semana no municipio e que este ano teñen como eixo temático o coidado do medio ambiente.