Clausura dos Campamentos Urbanos de Noia e de taekwondo do ITF Noia

Clausura dos Campamentos Urbanos de Noia e de taekwondo do ITF Noia

Escrito el 09/08/2019


A concelleira de Deportes de Noia, Laura Salgado, participou esta mañá nas xornadas de clausura da terceira quenda dos Campamentos Urbanos organizados polo Concello noiés e do Campamento estival de taekwondo do ITF Noia. Foron preto dun cento de rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos os que participaron nas distintas actividades de conciliación ofertadas para estas xornadas estivais.

 

Así, medio cento de nenas e nenos de entre 4 e 12 anos gozaron de dúas completas semanas repletas de propostas de lecer a través dos Campamentos Urbanos do Concello de Noia. A festa de clausura celebrouse nas instalacións do pavillón do IES San Alberto e a ela acudiu a concelleira Laura Salgado, quen agradeceu ao equipo de monitores e monitoras o labor desenvolvido nas tres quendas deste programa de conciliación familiar estival.

 

Pola súa banda, un total de 25 rapazas e rapaces de entre 6 e 16 anos participaron entre este luns e hoxe no campamento de taekwondo organizado polo clube ITF Noia. Unha proposta deportiva que se desenvolveu no pavillón Alonso Rodríguez e que contou co apoio do Concello. A xornada de clausura contou coa presenza da concelleira de Deportes noiesa, quen animou á cativada participante a seguir practicando actividades deportivas no seu día a día.