A XVII Travesía Solidaria a Nado entre Testal e o Freixo admite inscricións ata o 12 de agosto

A XVII Travesía Solidaria a Nado entre Testal e o Freixo admite inscricións ata o 12 de agosto

Escrito el 08/08/2019


A décimo sétima edición da Travesía Solidaria a Nado entre os peiraos do Testal (Noia) e do Freixo (Outes) admite inscricións ata o vindeiro luns 12 de agosto. Esta iniciativa, que se desenvolverá o 15 de agosto e carece de carácter competitivo, foi presentada este mediodía no Concello de Noia nun acto coa concelleira de Deportes, Laura Salgado, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Julio Bustelo, o técnico municipal de Deportes, José Liboreiro, e o representante do club ADECO-DEA, Xosé Barrio, organizador da proba xunto ao Concello.

 

Salgado explicou que esta actividade trata de promover a práctica do deporte entre as persoas con discapacidade e ante todo procura impulsar valores como a solidariedade, a inclusión e a integración social mediante o deporte. A concelleira agradeceu as colaboracións da Cruz Vermella, Protección Civil, a Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia, o Real Club Náutico de Portosín, o Museo do Mar de Noia, a asociación deportiva O Peirán, o Centro Náutico Municipal de Oute, o Club de Remo Mar de Noia e a Deputación da Coruña para o desenvolvemento da proba en condicións de máxima seguridade.

 

O responsable de ADECO-DEA, Xosé Barrio, fixo fincapé na importancia de anotarse en prazo, posto que nesta ocasión non admitirán inscricións o día da travesía para poder tramitar con tempo os seguros. Barrio precisou que existe un tope de cen inscricións, dado que a organización conta con dez embarcacións de seguimento e non queren superar a ratio de dez nadadores por embarcación.

 

Participación aberta a calquera persoa

Nesta décimo sétima Travesía Solidaria a Nado Testal-Freixo, duns tres quilómetros e medio, pode anotarse calquera persoa, independentemente de se pertence a un club ou non. As inscricións poden formalizarse en www.galitiming.com e teñen unha cota de 10 euros por persoa. Os controis de saída están fixados para as 16:30 horas e a saída darase ás 17:00 horas. Á chegada á meta, efectuarase un novo control e despois as persoas participantes regresarán en embarcación ao peirao noiés.

 

Como patrocinadores da travesía figuran ABANCA, Tucho, Obra Social Fundación la Caixa, Asesoría Ramiro Hermo, Clínica Juanatey, Cenor Noia, BigMat Ría Noia, Supermercados Froiz, Carnicería Mayca, Autos Patiño Noia, Óptica Nieto e Confitería A Roufana.