REGRESA A CARREIRA POPULAR DE CORRUBEDO CUN TRAZADO DE CASE 12 KILÓMETROS

REGRESA A CARREIRA POPULAR DE CORRUBEDO CUN TRAZADO DE CASE 12 KILÓMETROS

Escrito el 12/08/2019


Tras dous anos sen celebrarse regresa este xoves 15 de agosto a carreira popular de Corrubedo, esta vez organizada da man da Asociación Corrubedo XI Séculos.

 

A cita foi presentada pola concelleira de Deportes Juana Brión e por Anxo Martínez, vogal da citada entidade veciñal e promotor deste certame dende a súa primeira edición no ano 2014.

 

As previsións da organización apuntan a rondar o medio milleiro de participantes entre todas as categorías unha vez se pechen as inscricións mañá martes ás doce da noite (pódense formalizar en www.galitiming.com, sendo o prezo de 6€ para as categorías adultas e gratis para o resto de modalidades).

 

A competición (que cadra na celebración da patroa da parroquia, a Asunción de María, polo que haberá na localidade outras actividades lúdicas para animar a xornada) terá o seu pistoletazo de ás 10 horas coa saída da carreira de adultos dende o porto corrubedán. Por causas alleas á organización a distancia tivo que experimentar algunhas modificacións no trazado e neste ano abrangará un total de 11.700 metros. Logo de saír do peirao, os corredores subirán pola rúa Delicias ata o monte Facho, bordearán o mar por Espiñeirido, a Cruz dos Mariñeiros, O Corgo e Baleiros ata o faro e dende este icónico enclave regresarán pola estrada xeral e por diante do cemiterio para enfilar outra vez ata o porto.

 

De seguido terán lugar as competicións con distancias máis curtas;

1.500 metros (para persoas de 12 a 15 anos), 1.000 metros (de 9 a 11), 200 metros (de 6 a 8) e 100 metros (de 0 a 5).

 

Juana Brión agradeceu aos organizadores que retomasen este certame e animou a veciños e visitantes a inscribirse para participar nun evento que atravesa unhas paraxes de gran fermosura.