Última quenda dos campamentos de verán do Concello de Noia

Última quenda dos campamentos de verán do Concello de Noia

Escrito el 05/08/2019


O Concello de Noia iniciou a última quenda dos seus campamentos de verán, correspondente á primeira quincena de agosto. Medio cento de rapazas e rapaces de entre 4 e 12 anos participan nas actividades de lecer propostas para estes días.

 

“En total, son arredor de 170 as crianzas participantes nas tres quendas dos programas de conciliación familiar desenvolvidos polo Concello para estes meses estivais”, indicou a concelleira de Eventos, Laura Salgado, quen mantivo esta mañá un encontro coa cativada participante nas actividades da quenda de agosto. As propostas de lecer deste programa desenvólvense de luns a venres entre as 10.00 e as 14.00 horas, contando cunha ampliación horaria de 09.00 a 10.00 horas para facilitar a conciliación.

 

“Todos os campamentos de verán teñen unha temática común, baseada nos contos infantís. Deste xeito, buscamos fomentar os hábitos de lectura entre as nenas e nenos participantes ao tempo que gozan dunhas divertidas mañás cheas de xogos”, explica Laura Salgado. Ademais das propias actividades, que se desenvolven no pavillón municipal, ofrécense outras propostas complementarias –aproveitando a programación do Rúas Vivas­-, como a festa da espuma, o tobogán de auga ou saídas á praia. De feito, mañá, ás 11.00 horas na Rúa do Cantón ofrecerase unha sesión de maxia a cargo do Mago Charly Braun.