MÁIS DE 200 NADADORES CITARANSE NA TRAVESÍA A NADO PRAIA DE COROSO, PUNTUABLE PARA O CIRCUÍTO GALEGO NA DISTANCIA DE 2.500 METROS

MÁIS DE 200 NADADORES CITARANSE NA TRAVESÍA A NADO PRAIA DE COROSO, PUNTUABLE PARA O CIRCUÍTO GALEGO NA DISTANCIA DE 2.500 METROS

Escrito el 13/08/2019


Máis de 200 nadadores vanse dar cita este xoves 15 de agosto na 26ª edición da Travesía a Nado Praia de Coroso: un máis que consolidado evento organizado polo Club Natación Riveira, que foi presentado hoxe no consistorio municipal por Julio Simarro, presidente da entidade; por José Carlos Matilla, vicepresidente; e pola concelleira de Deportes Juana Brión.

 

A recollida de dorsais terá lugar de 9.30 a 10.15 horas. Ás 11 está prevista a saída dos participantes na distancia de 1.250 metros (con catro categorías: nados 2006 e 2007, nados 2004 e 2005, nados 2002 e 2003 e “popular” –nados 2001 e anteriores–) mentres que en torno ás 11.40 horas mergullaranse nas augas de Coroso os inscritos na distancia de 2500 metros (absoluta, e master 1, 2, 3 e 4), que é puntuable para o Circuíto Galego de Augas Abertas 2019.

 

Por último, ás 12.45 horas sairán os nados en 2008 e posteriores para cubrir unha lonxitude de 400 metros. Ás 13.30 horas será a entrega de trofeos.

 

Julio Simarro quixo dar ás grazas aos colaboradores na organización da proba (especialmente ao comercio local, que se implicou grandemente), así como ao Concello e a Protección Civil.

 

Juana Brión animou á veciñanza a disfrutar desta actividade e do entorno natural e destacou aos grandes nadadores participantes, entre os cales se contan algúns que forman parte da selección nacional nesta especialidade, como o aguiñense Álex Lages, Gaspar Andrade ou Andrea Domínguez, entre outros.