ATA O 26 DE SETEMBRO PARA ANOTARSE NA XXII CARREIRA POPULAR DE SANTA UXÍA

ATA O 26 DE SETEMBRO PARA ANOTARSE NA XXII CARREIRA POPULAR DE SANTA UXÍA

Escrito el 16/09/2019


A Carreira Popular de Santa Uxía celebrará o vindeiro sábado 28 de setembro a XXII Carreira Popular de Santa Uxía: unha consolidada cita que forma parte do VII Circuíto Provincial de Carrerias Populares da Deputación e do IV Circuíto de Carreiras Arousa Norte que, unha vez máis, contará cunha distancia de 10.000 metros na súa modalidade absoluta.

 

A concelleira de Deportes Juana Brión, xunto co técnico municipal Miguel Ruiz, ofreceron hoxe as principais características desta proba, cuxo prazo de inscrición xa está aberto e concluirá o vindeiro 26 de setembro ás 23.59 horas.

 

A competición arrancará ás 17 horas no Malecón coa participación dos sub 14 e sub 16, que deberán cubrir unha distancia de 2.500 metros. Ás 17.30 está previsto o arranque da modalidade sub 12, de 1.000 metros, mentres que ás 18 horas terá lugar a proba absoluta de 10 kilómetros, que aglutina ás categorías sub 18, sub 20, sub 23, sénior e máster. Nela, os atletas terán que dar dúas voltas a un circuíto que procura bordear o mar ata Coroso coa fin de evitar no máximo posible molestias na circulación rodada.

 

Sapatilla inclusiva

De forma parella, tamén ás 18 horas iniciarase a denominada “Sapatilla inclusiva”: categoría única absoluta para persoas con diversidade funcional, que terán que completar unha volta (5.000 metros) ao mesmo circuíto.

 

Xa para rematar, ás 19.10 horas correrán os “pitufos” antes de proceder coa entrega de trofeos, onde haberá premios en metálico para os tres primeiros clasificados da proba absoluta, tanto masculinos como femininos (tamén recibirán un galardón deseñado polo artista Abraham Benítez) e medallas conmemorativas para os tres mellores corredores locais e para os tres primeiros de cada categoría. Nas categorías pitufo e prebenxamín, todos os participantes recibirán unha medalla e non se establecerá clasificación.

 

Juana Brión animou a toda a xente afeccionada ao atletismo a que se inscriba no certame e convidou a veciños e visitantes a que se acheguen para presenzar esta bonita proba.

 

As inscricións débense formalizar ben na web www.riveira.gal ben en www.emesports.es. A anotación é gratuíta para as categorías base (ata sub 16 incluído), mentres que a proba absoluta ten un prezo de 6€. Ademais, con motivo da celebración desta proba ábrese un segundo prazo de inscrición ao Circuíto de Carreiras Arousa Norte, que integra tamén as citas populares de Rianxo (1 de novembro) e Boiro (1 de decembro).