González Formoso recibe na Deputación a un grupo de alumnos do Instituto Santiago Apóstol de Bós Aires

González Formoso recibe na Deputación a un grupo de alumnos do Instituto Santiago Apóstol de Bós Aires

Escrito el 16/09/2019


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso,  e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, recibiron esta mañá a unha delegación de alumnos do instituto arxentino-galego Santiago Apóstol, da cidade de Bós Aires.

 

Os escolares, que cursan o último ano de Secundaria, realizan estes días a súa viaxe de fin de estudos e coñeceron hoxe a sede da Deputación tras a invitación realizada por González Formoso na súa visita oficial a Arxentina o ano pasado.

 

Durante os quince días de estancia, os mozos e mozas, entre 17 e 18 anos, terán a oportunidade de descubrir múltiples lugares da xeografía coruñesa e galega.

 

Formoso deu a benvida aos estudantes, aos que explicou a historia funcionamento da Deputación, e destacou a importante contribución do centro escolar á promoción da cultura e a lingua galega na capital arxentina, xa que os centos de alumnos de diversas nacionalidades que se forman no colexio teñen entre as súas materias escolares a lingua e a historia de Galicia.

O instituto galego-arxentino Santiago Apóstol foi inaugurado en 1998 grazas á colaboración entre o Centro Galicia de Bós Aires e a Xunta de Galicia co obxectivo de desenvolver un programa educativo bicultural  neste país.

O alumnado do centro cursa nel materias coma lingua e literatura galegas e xeografía e historia de Galicia, contribuíndo así a manter a identidade e a cultura galega entre os estudantes.