A Deputación da Coruña condena o triplo asasinato machista de Valga e anima a participar nas mobilizacións do día 18 de setembro

A Deputación da Coruña condena o triplo asasinato machista de Valga e anima a participar nas mobilizacións do día 18 de setembro

Escrito el 16/09/2019


A Deputación da Coruña quere mostrar a súa condena polo triplo asasinato machista que aconteceu esta mañá en Valga, no concello de Pontecesures. Ademais, desde a Deputación anímase a participar nas mobilizacións do día 18 e do 20 de setembro e reitera o seu compromiso institucional para combater o feminicidio.

 

A Deputación da Coruña condena rotundamente o triplo asasinato machista de Valga e anima á sociedade a participar masivamente nas mobilizacións convocadas para o vindeiro 18 de setembro de condena ao feminicidio, na liña da iniciativa aprobada por unanimidade no pasado pleno de apoiar a campaña #EmerxenciaFeminista, promovida polo movemento feminista galego.

 

Na iniciativa aprobada en pleno, a Deputación se comprometía non só a apoiar a campaña e as mobilizacións do día 20 de setembro -ás que se engaden agora as do día 18 polo feminicidio de Valga- senón a iluminar a fachada de violeta e a unha acción política activa contra o machismo, implementando novas medidas e programas que impulsen a igualdade de xénero e loiten contra o feminicidio.

 

O texto aprobado no pleno da Deputación inicia a explicación da emerxencia da mobilización polos acontecementos do que cualifican como "verán negro" o de 2019 co asasinato dunha muller cada dous días, ao que agora se suman as tres vítimas mortais do feminicidio de Valga, ademais doutros feitos que mostran a intensidade da violencia contra as mulleres entre os que se atopan, concursos sexistas, denuncias de agresións en festas e festivais, acosos e agresións en manada... Por todo isto define a situación de "insoportábel" e reclama unha maior implicación institucional.