CONDE SINALA A INNOVACIÓN E A CALIDADE DA INDUSTRIA CONSERVEIRA GALEGA COMO CLAVES PARA SEGUIR ABRINDO NOVAS OPORTUNIDADES DE NEGOCIO INTERNACIONA

CONDE SINALA A INNOVACIÓN E A CALIDADE DA INDUSTRIA CONSERVEIRA GALEGA COMO CLAVES PARA SEGUIR ABRINDO NOVAS OPORTUNIDADES DE NEGOCIO INTERNACIONA

Escrito el 18/09/2019


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañou hoxe ao gobernador do estado de Ceará (Brasil), Camilo Santana, na súa visita ás instalacións de Jealsa en Boiro. Durante a visita, Conde subliñou a aposta do sector conserveiro galego por incrementar a súa competitividade apostando pola innovación e por achegar un maior valor engadido aos seus produtos que permite diferenciarse sen perder en calidade, apuntando que estas son as claves para seguir abrindo novas oportunidades de negocio a nivel internacional.

 

Neste sentido, lembrou que o Goberno galego traballa en dúas direccións: apoiando proxectos para a mellora das estruturas da cadea mar-industria e impulsando programas para mellorar a comercialización e valorización dos produtos do mar. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que Jealsa, a primeira conserveira de España e a segunda de Europa, é un modelo a seguir neste ámbito, apostando pola innovación cunha das fábricas máis modernas do mundo e un almacén robotizado, e coa súa participación no programa de Unidades Mixtas de Investigación no eido da fábrica do futuro. Tamén subliñou a busca de novos mercados e a internacionalización e a diversificación dos seus produtos, así como a aposta da conserveira pola economía circular.

 

Conde fixo fincapé ante o gobernador de Ceará a importancia do sector conserveiro para a economía galega. Así, esta industria representa o 3% do PIB, xera 12.400 postos de traballo directos, e acadou o ano pasado un novo récord de volume de produción, con 303.885 toneladas, o 86% da produción nacional, mentres que as exportacións suman cinco anos consecutivos de crecemento.

 

O conselleiro, que convidou a Camilo Santana e á delegación brasileira a visitar Galicia de novo con motivo da celebración do Xacobeo 2021, apuntou que o acordo asinado hoxe entre Jealsa e o estado brasileiro abre tamén novas oportunidades para afondar na colaboración entre os dous territorios.

 

Visita á escola náutico-pesqueira de Ribeira

O gobernador de Ceará tamén visita hoxe a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Susana Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. Nela a delegación do estado de Ceará poderá coñecer as instalacións da man do director da escola, que colabora coas empresas da zona para que os alumnos poidan realizar as súas prácticas en centros reais de traballo e tamén coas confrarías de pescadores de cara a impartir os cursos náutico-pesqueiros dirixidos aos profesionais do sector.

 

A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira depende da Consellería do Mar e comezou a funcionar en maio de 1993. Ten como misión impartir ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras nas ramas de ponte e máquinas. Entre as súas instalacións o centro dispón de aulas taller de seguridade e primeiros auxilios, electricidade, electrónica e automatismos, oleohidráulica e pneumática, aula de soldadura e tamén aulas de axuste e torno e de motores. Conta ademais con laboratorio e simuladores de navegación e pesca, de comunicacións, de máquinas e de frío e cálculo de refrixeración directa e indirecta.