UN TOTAL DE 15 COIDADORES DE PERSOAS CON DEPENDENCIA DE BOIRO PARTICIPARON NUN OBRADOIRO DA XUNTA DE PREVENCIÓN DE RISCOS

UN TOTAL DE 15 COIDADORES DE PERSOAS CON DEPENDENCIA DE BOIRO PARTICIPARON NUN OBRADOIRO DA XUNTA DE PREVENCIÓN DE RISCOS

Escrito el 19/09/2019


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta tarde, en Boiro, na clausura dun obradoiro en materia de prevención de riscos laborais dirixido a coidadores de persoas con dependencia no que participaron un total de 15 alumnos.

 

Trátase dunha acción formativa de 16 horas de duración na que os asistentes, que conseguiron un diploma acreditativo, recibiron recomendacións preventivas no aspecto psicosocial, ergonómico, químico e biolóxico, que non só repercutirán no seu traballo senón tamén no benestar da persoa que recibe a atención.

 

A secretaria xeral subliñou o compromiso da Xunta coa saúde e o benestar no traballo e destacou que o obxectivo é sensibilizar, promover e difundir boas prácticas sobre saúde laboral xa que unhas condicións seguras son o primeiro paso para un emprego de calidade. Neste sentido, referiuse á Estratexia de seguridade e saúde no traballo ata 2020 que recolle 163 medidas para consolidar a cultura preventiva.

 

Esta acción desenvolvida en Boiro forma parte dunha campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para promover coñecemento para un traballo seguro tanto na atención directa de persoas con dependencia como para os traballadores de axuda a domicilio e que inclúe accións de sensibilización, reparto de material informativo e accións de formación como a realizada en Boiro. Ata o mes de novembro realizaranse obradoiros nas catro provincias galegas, en concreto, en Arteixo (A Coruña), en Palas de Rei e Abadín (Lugo), en Pereiro de Aguiar e Lobios (Ourense) e en Lalín e A Estrada (Pontevedra).