Fiscais de toda España abordan en Mariñán cuestións relacionadas coa ciberdelincuencia

Fiscais de toda España abordan en Mariñán cuestións relacionadas coa ciberdelincuencia

Escrito el 19/09/2019


A fiscal xeral do Estado, María José Segarra, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participaron hoxe no pazo de Mariñán (Bergondo) na Escola de Verán do Ministerio Fiscal, que estes días reúne a fiscais e xuristas de toda España para abordar o tema dos ciberdelitos e a criminalidade informática.

Segarra destacou “a colaboración institucional” da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia que, dende hai 18 anos, fai posible a celebración destas xornadas na provincia da Coruña e que “nos permite plasmar a forma de traballo dos fiscais”.

“Estar atentos a novas formas de delincuencia é unha das nosas funcións”, afirmou Segarra, que destacou que a criminalidade informática é cada vez máis importante e require dunha constante actualización de coñecementos por parte da fiscalía.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, deu a benvida á provincia da Coruña aos participantes na Escola de Verán e gabou a importante labor que desenvolven no ámbito da xustiza, “xunto coa da educación, unha das máis importantes do ámbito público”.

Formoso afirmou que a revolución tecnolóxica que vivimos “fai que o mundo cambie a un ritmo vertixinoso e as administracións, tamén a xustiza, debemos adaptarnos a ese ritmo”.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou tamén a longa traxectoria de colaboración que permite que estas xonadas se celebren en territorio coruñés e repasou algunhas das temáticas tratadas nas xornadas, sempre relacionadas coa actualidade.