CHÉVERE DESPÍDESE DE TEO DESPOIS DE SEIS ANOS DE TRABALLO COMO COMPAÑÍA RESIDENTE

CHÉVERE DESPÍDESE DE TEO DESPOIS DE SEIS ANOS DE TRABALLO COMO COMPAÑÍA RESIDENTE

Escrito el 19/09/2019


Despois de máis de seis anos traballando no concello de Teo, Chévere despedirase  definitivamente neste mes de setembro. Para nós foron anos de traballo moi intenso e de implicación total nun concello que non era o noso, pero que nos acolleu cos brazos abertos nun momento especialmente difícil para a compañía. Aquí atopamos persoas, iniciativas e proxectos que merecen todo o noso respecto e recoñecemento. Marchamos sentíndonos para sempre parte deste territorio e desta comunidade. Porque desde que chegamos, quixemos escoitar o tecido social e cultural e achegar propostas e actividades que complementasen, reforzasen e enriquecesen a vida cultural local. Nalgunhas cousas acertamos e noutras seguramente non tanto, pero o noso compromiso sempre foi claro e non escatimamos esforzos e recursos para levar adiante os proxectos que plantexamos.

 

Como sabedes, no ano 2016 o concello de Teo convocou un concurso público para contratar o servizo de produción e dinamización teatral como compañía residente, que gañou Chévere. Este contrato rematou o pasado mes de xuño e desde entón estabamos á espera dunha nova convocatoria, á que tiñamos previsto presentarnos para dar continuidade a un traballo que deu uns resultados moi salientables, que podedes coñecer en detalle na memoria de actividades que xuntamos e que xa foi entregada tamén no concello.

 

A finais do mes de agosto a nova responsable da área de cultura do concello comunicounos que de momento non ten previsto convocar un novo concurso e deunos un par de semanas de prazo para que sacásemos as dotacións técnicas do auditorio municipal, que son de Chévere, e o resto de material da compañía. Non foi posible sequera organizar un acto público de despedida. Así que non parece doado que volvamos ver en Teo unha estrea de Chévere ou unha Ultranoite.

 

Para nós e para o sector escénico, ver desaparecer unha convocatoria pública innovadora, que contribuíu a transparentar as relacións entre as empresas culturais e a administración, e que foi unha referencia en todo o estado español, significa unha oportunidade menos de traballar. Agardamos que para a venciñanza e para o concello de Teo sexa un xeito distinto de avanzar e mellorar culturalmente.