O escritor Valentín Alvite gaña o Raína Lupa coa novela "Antía e Daren e os pequenos detectives"

O escritor Valentín Alvite gaña o Raína Lupa coa novela "Antía e Daren e os pequenos detectives"

Escrito el 25/09/2019


O escritor Valentín Alvite (Vimianzo, 1959) coa novela "Antía e Daren e os pequenos detectives" é o gañador da XII edición do Premio Raína Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña. O xurado decidiu declarar finalista a novela "A noite da deusa" da autoría de María López Sandez.

 

Un xurado composto por Montse Pena Presas, Antonio Manuel Fraga, Xosé Cobas e a gañadora e finalista da edición anterior, An Alfaya e Xosé de Cea, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto coa xefa de servizo da área de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, escolleu por unanimidade a novela do escritor Valentín Alvite Gándara como gañadora do XIII premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña. O premio está dotado con 6.500 euros.

 

"Antía e Daren e os pequenos detectives" é, segundo o xurado,  "unha novela de misterio presidida polo humor".  Destaca no seu fallo a "orixinalidade da historia que sae das liñas habituais da literatura infantil máis recente". Valora tamén na obra de Alvite a súa "retranca e desbordante humor" cun "léxico moi coidado e unha prosa moi áxil".

 

Pola calidade da obra, o xurado decidiu tamén declarar finalista a novela da escritora María López Sandez titulada "A noite da deusa" da que destaca o seu "moi coidado estilo nunha obra que elabora unha xenealoxía feminista coa fusión de diferentes mitoloxías cun ollar contemporáneo".

 

O gañador Valentín Alvite Gándara (Cures-Cereixo-Vimianzo, 1959) é Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa.  O humor preside a súa traxectoria literaria na que, con anterioridade gañou en 2005 gañou o “III Certame de Microrrelatos ‘Lonxa Literaria’” (Moaña) con “Batea” e no 2009 o “VIII Certame Relato de Aventuras ‘Antón Avilés de Taramancos’” (Noia) polo relato “O hotel”. No 2011 foi finalista do premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. A súa primeira obra publicada foi  Don Nuno e outros relatos humorísticos, con prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e no 2017 saiu do prelo o libro Relatos para sorrir, as dúas publicadas en autoedición.

 

A finalista María López Sandez é licenciada en Filoloxía Hispánica, Inglesa e Galego-Portuguesa e profesora da Universidade de Santiago de Compostela. É autora do ensaio Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (2008), gañadora do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro e en narrativa A forma das nubes e O faro escuro.