O CONCELLO INICIA A RENOVACIÓN DO PARQUE DE XOGOS DA PRAZA GARCÍA BAYÓN EN RIVEIRA

O CONCELLO INICIA A RENOVACIÓN DO PARQUE DE XOGOS DA PRAZA GARCÍA BAYÓN EN RIVEIRA

Escrito el 25/09/2019


O Concello de Riveira vai proceder á renovación do parque de xogos da praza García Bayón de Riveira: unha actuación complementaria ás obras de reordenación do paseo do Malecón que dará comezo de inmediato coa desmontaxe dos xogos existentes e a colocación dun pavimento de caucho continuo por toda a área recreativa, razón pola cal esta mañá se iniciaron os traballos para valar este espazo, que permanecerá pechado durante un mes.

 

O novo parque infantil terá capacidade para que un total de 140 usuarios con idades de 0 a 14 anos poidan facer uso simultáneo dos xogos que alí se van situar, distribuídos en dúas zonas en función dos tramos de idade. Entre os elementos, destaca un xogo especial en forma de nasa que foi especialmente deseñado para a cidade riveirense: estará equipado con iluminación LED e incorporará un tobogán tubular de grandes dimensións; unha rampa de deslizamento; tres plataformas polas que a rapazada poderá ascender ou descender unha a outra; unha liana de ascenso, unha rede inclinada de cuadrícula de trepa e unha zona de presas de escalada.

 

 

 

Xogos inclusivos

Ademais, instalarase no García Bayón unha cama elástica con capacidade para catro usuarios; un gran domo capaz de albergar ata 25 cativos de 4 a 14 anos que tamén levará iluminación LED; un balancín carrusel múltiple; un tobogán en forma de barco para os máis pequenos; e diversos elementos inclusivos pensados para persoas con diversidade funcional, como un pasadizo secreto e outro elemento figurativo, ambos customizados, ademais dun columpio.

 

Consérvanse do parque infantil actual a tirolina e un equipo combinado.

 

Últimos detalles

Cómpre informar por outra parte de que as obras de ordenación da avenida do Malecón están rematadas a falla dos seus detalles finais, tales como o pintado na zona onde estaba enclavada a antiga terminal de autobuses ou a colocación de distinto mobiliario e algún árbore ormanental a maiores dos xa plantados.

 

Executada pola empresa Canarga, S.L., esta intervención estratéxica na fachada marítima da cidade persegue o obxectivo de a priorizar o paso de peóns sobre o tráfico rodado ademais de executar un carril bici para favorecer o transporte sustentable. Forma parte da EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 e enmárcase na liña de actuación deste plan denominada ‘Urbanización e mellora do entorno urbano e industrial”.