A Pelota da Diversidade roda na Deputación da Coruña

A Pelota da Diversidade roda na Deputación da Coruña

Escrito el 27/09/2019


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, recibiron esta mañá na Deputación a un grupo de alumnas e alumnos do CEIP de Ombre (Pontedeume) que impulsan a iniciativa “A pelota da diversidade”.

A iniciativa pretende axudar a visibilizar e a promover nos escolares valores coma a solidariedade, o respecto á diversidade e á igualdade, nunha cadea na que veñen participando numerosas institucións, entidades e persoeiros do mundo da cultura, o deporte e os medios de comunicación de Galicia.

Segundo explican dende o centro escolar eumés, a idea xurdiu dentro dun programa didáctico “que pretende explicar ao noso alumnado a realidade incuestionable da diversidade humana”.

González Formoso gabou “unha iniciativa exemplar” que “dende unha pequena escola rural promove a participación activa dos escolares e contribúe a afianzar valores tan importantes coma a inclusión e a igualdade entre os máis pequenos, que son o futuro da nosa sociedade”.

A pelota, feita a base de retallos e trapos que simbolizan a igualdade nun tecido de diversidade, seguirá rodando por distintos pobos e cidades levando a súa mensaxe de igualdade a todos os recunchos.

A Deputación prestará a súa colaboración para que a pelota da Diversidade siga rodando e poda chegar a máis concellos da provincia da Coruña e de Galicia.

 

 

 

 

O seu precorrido pode seguirse no perfil de Instagram cuentos_3rs, onde se vai dando conta dos lugares nos que roda a pelota co HT #rodandodiversidadeenaigualdade.