A quinta edición da ruta teatralizada “Camiño do mercado” recuperará unha danza tradicional galega: o baile do espantallo

A quinta edición da ruta teatralizada “Camiño do mercado” recuperará unha danza tradicional galega: o baile do espantallo

Escrito el 26/09/2019


O Concello de Lousame e Senda XXI organizan a quinta edición da ruta teatralizada “Camiño do Mercado”, que terá lugar o vindeiro domingo 6 de outubro ao longo de cinco quilómetros por camiños da parroquia de Tállara. Unha ruta gratuíta de sendeirismo con teatro e moitas sorpresas para a que é preciso anotarse previamente na Oficina de Información Xuvenil de Lousame: 981 820 494 ou oix@concellodelousame.com.

 

A actividade foi presentada hoxe nunha rolda de prensa presidida pola concelleira de Cultura de Lousame, Silvia Agrafojo, quen destacou que esta iniciativa “busca promover un achegamento entre a nosa mocidade e os nosos maiores, ao tempo que contribuímos a recuperar o patrimonio galego e fomentamos actividades grupais entre mozos e mozas das distintas parroquias de Lousame”.

 

Un punto no que incidiu Manoli Filgueira, presidenta de Senda XXI, quen destacou que “esta é a terceira edición que organizamos canda o Concello” e que esta ruta “naceu dunha idea para resaltar os nosos costumes e facer unha transferencia de coñecemento entre os máis maiores e os máis pequenos. Proba diso é que nas representacións participarán xente de 7 aos 80 anos”. Así mesmo, anunciou a gran novidade desta edición: “pretendemos recuperar unha danza tradicional galega: o baile do espantallo, que será representado polo grupo O Son do Pote e representado por nenos e nenas”.

 

Aberta a todo o mundo

 

Esta actividade está incluída no proxecto Mocidade en Movemento, que desenvolve o Concello de Lousame coa colaboración da Consellería de Política Social. Neste sentido, o técnico da oficina de información xuvenil de Lousame, José Manuel Outeiral, explica que “a actividade está especialmente dirixida á mocidade entre 14 e 30 anos, pero está aberta á participación da xente en xeral”.

 

A saída terá lugar ás 10:00 horas do domingo 6 de outubro do polideportivo do Sanguiñal, na parroquia de Tállara. “Son 5 km con paradas constantes, a ritmo de paseo, polo que poden participar familias xuntas, avós con netos, e poder así transmitir a nosa cultura viva”, explica Dalia Cao, membro da directiva de senda XXI e que encabezará a ruta, canda o técnico de Deportes de Lousame, Néstor Romero. Na iniciativa participarán Protección Civil de Lousame, voluntarios, integrantes de Senda XXI e máis de sesenta persoas alleas á organización e procedentes de toda a comarca.