O Concello de Lousame organiza un obradoiro gratuíto sobre educación en igualdade

O Concello de Lousame organiza un obradoiro gratuíto sobre educación en igualdade

Escrito el 27/09/2019


O Concello de Lousame convoca o obradoiro familiar “Claves para educar en igualdade”, dirixido a familias que teñan fillos ou fillas en Educación Infantil. Unha sesión gratuíta que terá lugar no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro o vindeiro martes 1 de outubro, ás 16:00 horas.

 

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explica que “neste obradoiro traballaremos coas familias os valores que garanten a igualdade de oportunidade e favorecen a convivencia xa que estamos convencidas de que a familia é unha plataforma excelente para a superación dos prexuízos sexistas”. Para participar só é preciso anotarse na Concellería de Igualdade de Lousame, chamar ao 981 820 494 ou enviar un WhatsApp ao 689 126 385.

 

“Claves para educar en igualdade” é o segundo obradoiro organizado polo Concello de Lousame en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro dentro do “Programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero”. Un programa que esta semana reuniu a unha vintena de persoas para falar sobre o uso responsable dos videoxogos e da Internet e que conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade e da Vicepresidencia do Goberno e Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.