A Deputación da Coruña reclama o cambio do modelo de financiamento municipal por parte do Estado e da Xunta de Galicia

A Deputación da Coruña reclama o cambio do modelo de financiamento municipal por parte do Estado e da Xunta de Galicia

Escrito el 27/09/2019


O pleno da Deputación aprobou hoxe dúas mocións arredor do financiamento das administracións locais. Por unha banda, a presentada polo Goberno provincial (PSOE-BNG) reclama melloras no  sistema de reparto de fondos públicos por parte do Estado e a Xunta de Galicia, mentres a rexistrada polo Partido Popular demanda exclusivamente a transferencia ás entidades locais dos recursos derivados da participación nos ingresos do Estado.

 

A moción do Goberno provincial, que saíu adiante cos  16 votos de PSOE e BNG e Marea Atlántica, o voto en contra de Alternativa dos Veciños e 14 abstencións do Partido Popular insta ao cambio de modelo actual de transferencia ás entidades locais dos recursos derivados da participación nos ingresos do Estado, de xeito que se introduzan criterios coma dispersión, extensión territorial e envellecemento, en liña coas reclamacións da Fegamp nos últimos anos, para paliar os desequilibrios que se producen actualmente, no que os concellos galegos están resultando claramente perxudicados.

 

Asemade, a Deputación insta a que a participación dos concellos galegos nos ingresos da Comunidade autónoma sexa regulada mediante unha lei autonómica específica consensuada coa Fegamp e a integración no Fondo Galego de Cooperación de determinadas subvencións que os concellos perciben anualmente de xeito recorrente.

 

 

 

 

 

 

 

A Deputación da Coruña demanda tamén á Xunta de Galicia que asuma os numerosos servizos de competencia autonómica que actualmente prestan os concellos ou que, de seguir sendo exercidos polas entidades locais, asuma a totalidade do seu custo.

 

Pola outra banda, a moción do Grupo Popular saíu adiante cos 14 votos favorables do PP e Marea Atlántica, a abstención de PSOE e BNG e un único voto en contra de Alternativa dos Veciños.

 

A moción esixe ao Goberno de España que faga efectivas as obrigas económico-financieiras que ten contraídas coas entidades locais e efectúe a transferencia actualizada dos recursos derivados da participación nos ingresos do Estado.

 

O Partido Popular negouse a incorporar a emenda de adición do Goberno provincial, que asumía a petición da transferencia destes reursos ás entidades locais, pero tamén pedía melloras no sistema de financiamento municipal tanto ao Goberno de España coma á Xunta de Galicia, polo que a emenda de PSOE e BNG acabou convertida en moción.

 

“A nosa moción reclama ao Goberno que cumpra cos seus compromisos e incluimos algúns dirixidos tamén á Xunta de Galicia. Pensamos que o engadido enriquece, pero como se fala da intocable Xunta, o PP prefire que non sexa así”, apuntou o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández.

 

Desde o BNG, María Muíño defendeu a necesidade de reclamar “todo o que lle corresponde aos concellos galegos” que, segundo denunciou, “están a padecer un reparto inxusto, xa que lles está a costar máis caro prestar servizos que ao resto, polo que é necesario reclamar igualdade de dereitos”

 

A portavoz do PP, Rosa Gallego, xustificou a súa negativa a apoiar a iniciativa do goberno porque “é unha moción diferente presentada vái emenda. É un debate interesante pero non é o momento”. Afirmou “os concellos teñen que pagar persoal e servizos e os cidadáns pagaron o seus impostos. Esiximos ao goberno que pague o que debe”.

 

Ángel García Seoane, portavoz de Alternativa dos Veciños, votou en contra das dúas mocións, remitíndose aos acordos aprobados o pasado sábado por unanimidade na asamblea da FEMP en Madrid. “O que vale é a voz dos alcaldes en Madrid”, afirmou García Seoane, que atribuiu o debate a época preelectoral.

 

 

Finalmente, Alberto Lema, portavoz de Marea Atlántica, apoiou ambas as dúas mocións, aínda que avogou por derrogar a Lei Montoro que supuxo “a laminación da autonomía local, tanto nos financiamento coma nas competencias”.