As obras de humanización e ordenación da Praza das Américas de Noia comezarán a próxima semana

As obras de humanización e ordenación da Praza das Américas de Noia comezarán a próxima semana

Escrito el 28/09/2019


As obras de humanización e ordenación da Praza das Amércias de Noia darán comezo a próxima semana. Así llelo confirmaron ao alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e ao concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón, os representantes da empresa adxudicataria dos traballos, Barnacle Obras y Servicios SL, e da Dirección de Obra. Uns traballos adxudicados por 59.715,44 euros pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o pasado mes de marzo e que teñen un prazo máximo de execución de tres meses.

 

Santiago Freire apunta que “no encontro, os responsable da empresa adxudicataria confirmaron que entre o luns e o martes comezarán cos traballos, nos que temos que agradecer a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa que suporá unha importante actuación nunha zona importante da vila como é a entrada a San Lázaro e a Praza das Américas, onde imos reorganizar o estacionamento, aumentar a seguridade viaria e mellorar o seu aspecto paisaxístico, contribuíndo así  a unha mellor integración co casco histórico da vila”.

 

A Xunta achega un 70% do importe da obra, dentro do Plan hUrbe. Neste sentido, o alcalde noiés agradeceu “a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pois cada plantexamento que fixemos para Noia recibiu unha resposta positiva da conselleira, como pasou onte mesmo coa actuación que queremos facer nas marxes do río Traba”.

 

Obras a executar

 

As obras que darán comezo a vindeira semana consisten na humanización e ordenación da Praza das Américas e a súa contorna inmediata para unha ordenación funcional do movemento dos vehículos e os peóns, a mellora da seguridade de ambos e a racionalización do espazo de aparcamento. Para iso, desmontaranse varios elementos urbanos de sinalización e mobiliario público como as luminarias ou os bordillos das beirarrúas, que volverán instalarse unha vez rematados os traballos.

 

Tamén se proxecta a construción de novos tramos de beirarrúas, formadas por losetas de taco asentadas con morteiro sobre unha soleira de formigón. Estas novas beirarrúas delimitaranse con bordillos prefabricados de formigón gris, salvo no Malecón de San Lázaro onde serán de pedra granítica, semellantes aos xa existentes. Unhas beirarrúas que serán máis amplas e cun pavimento adaptados ás persoas con discapacidade.

 

En canto á isleta central da praza, construirase unha nova de menor volume (pasará de ter forma circular a unha ovalada), sempre respectando a zona axardinada xa existente. Finalmente, arranxarase o firme da zona e executarase un novo firme asfáltico de 5 centímetros de espesor de aglomerado en quente.