RIBEIRA ACOLLE ATA O VENRES UN CURSO DA XUNTA DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NO SECTOR FORESTAL

RIBEIRA ACOLLE ATA O VENRES UN CURSO DA XUNTA DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NO SECTOR FORESTAL

Escrito el 30/09/2019


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta tarde, en Ribeira, na inauguración dun curso en materia de prevención de riscos laborais no sector forestal, sobre o manexo seguro da motoserra.

 

Trátase dunha acción formativa de 20 horas de duración na que os asistentes recibirán formación teórico práctica sobre seguridade e saúde no sector forestal, prevención de riscos coa motoserra, planificación dos traballos de aproveitamento e información sobre a corta polo pé e o procesamento, ademais de primeiros auxilios. O módulo práctico centrarase no manexo seguro da motoserra, así como en técnicas de apeo, derramado e tronzado.

 

O curso forma parte da campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) de prevención de riscos laborais no sector forestal e continuará coa celebración de cursos en Frades (A Coruña), Cervo (Lugo), O Carballiño (Ourense) e Cangas (Pontevedra). A formación compleméntase con accións de sensibilización e reparto de material formativo editado nunha linguaxe sinxela e clara, con imaxes gráficas que facilitan a súa comprensión.

 

Tal e como subliñou a secretaria xeral, o obxectivo é promover coñecemento para un traballo seguro e, deste xeito, diminuír a sinistralidade laboral no sector forestal, nunha actividade con singularidades de seu que dá resposta a unha demanda recibida das propias empresas forestais. O material informativo fai fincapé en aspectos como a planificación, a coordinación e comunicación ou mantemento da maquinaria, así como manipulación manual de cargas. A acción enmárcase na Estratexia de seguridade e saúde no traballo ata 2020.