O Concello de Noia inviste case 40.000 euros na mellora do alumeado, ventilación e mobiliario do inmoble da casa consistorial

O Concello de Noia inviste case 40.000 euros na mellora do alumeado, ventilación e mobiliario do inmoble da casa consistorial

Escrito el 02/10/2019


O Concello de Noia vén de iniciar as obras de mellora do alumeado e mobiliario do inmoble da casa consistorial, un proxecto que conta co ditame favorable da Comisión de Seguimento do Plan Especial de Reforma Interior e Conservación Artística do Casco Histórico (PEPRICH) de Noia. As obras teñen un prazo de execución de dous meses e un orzamento de 39.892,9 euros, dos que 27.928,08 euros correspóndense cunha achega da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia.

 

O concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón, explica que “os traballos teñen como obxecto mellorar o alumeado e ventilación dos despachos municipais situados na planta baixocuberta mediante a instalación dunhas fiestras tipo velux xa que o alumeado actual, cando o teñen, non é axeitado, o que provoca que non se cumpran as condicións mínimas de habitabilidade que deben dispoñer os postos de traballo”.

 

As obras non afectan a elementos estruturais de interese, xa sexan muros de mampostería, claustro ou escaleira de acceso. Os traballos si afectan ao forxado de cuberta, que foi executada nos anos 70 conforme ao proxecto de Manuel Gallego Jorreto, cuxo illamento foi mellorado nos anos 90, pero que non dispón de ningún tipo de interese histórico.

 

Actuacións

 

Os despachos existentes na planta baixocuberta acollen os departamentos de urbanismo, promoción económica, medio ambiente, orientación laboral, consumo e servizo municipal de augas. Todos eles reciben o alumeado a través do pasillo de acceso que abren fiestras sobre o claustro. O nivel de alumeado é deficiente, o que obriga a manter a iluminación artificial acendida permanentemente. Ademais, a ventilación da zona limítase a unhas lamas de cristal emprazadas sobre as portas de acceso que ventilan ao pasillo.

 

Para solucionar estes déficits, as obras inclúen a desmontaxe, con medios manuais, da cuberta de tella do país nas zonas onde se van colocar sete fiestras de apertura xiratoria tipo Velux. Unhas fiestras que, de acordo co ditame da Comisión de Seguimento do PEPRICH de agosto de 2017, terán un tamaño máximo de 78 x 98 centímetros. Unha comisión que autorizou a colocación das velux do corpo lateral e non na fachada, coa excepción das dúas situadas tras o torreón. A maiores procederase a substituír o alumeado existente de lámpadas fluorescentes por outro alumeado tipo LED, e instalaranse radiadores e armarios modulares de taboleiro. Finalmente, procederase ao pintado de teitos e paredes.

 

O edificio do actual Concello de Noia é un edificio singular de estilo historicista de interese como símbolo urbano que forma parte dun entorno monumental. No seu interior conserva parte do antigo claustro do convento de San Francisco. Este edificio era en orixe unha construción medieval ou casa conventual coñecida como Convento de San Francisco de Noia. A súa localización neste lugar da vila é consecuencia do traslado da casa monacal primitiva (ano 1396) desde o lugar de Sueiro (Argalo), ao terreo extramuros denominado Agra das Viñas, no ano 1522.