Varias familias de Lousame participan nun taller gratuíto sobre educación en igualdade

Varias familias de Lousame participan nun taller gratuíto sobre educación en igualdade

Escrito el 02/10/2019


Varias familias de Lousame con fillos e fillas en Educación Infantil participaron onte martes no obradoiro gratuíto “Claves para educar en igualdade”, organizado polo Concello de Lousame en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro. Unha xornada na que se traballou sobre os valores que garanten a igualdade de oportunidades e favorecen a convivencia.

 

“Claves para educar en igualdade” é o segundo obradoiro organizado dentro do “Programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero”, que conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade e do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

 

Navegando en familia

 

Un programa que terá continuidade o vindeiro martes 8 de outubro, co inicio das xornadas formativas “Navegando en familia”: seis sesións de 90 minutos cunha periodicidade quincenal no CPI Cernadas de Castro dirixidas a familias e alumnado dende 5º de Primaria ata 4º da ESO. “Nestas sesións falaremos de normas e límites, da importancia do manexo das emocións nestas etapa, de como ceder responsabilidades, de como manexarse seguros polas redes sociais, dos perigos de navegar sen protección e todas aquelas cuestións que as familias queiran preguntar durante o curso”, explica Silvia Agrafojo, concelleira de Igualdade.

 

As sesións serán gratuítas, sendo necesario inscribirse previamente na Concellería de Igualdade, no 981 820 494 ou por WhastApp no 689 126 385. A primeira sesión de “Navegando en Familia” terá lugar o martes 8 de outubro, ás 17:20 horas, levará por nome “Como remar na mesma dirección e chegar a bo porto!” e xirará sobre como mellorar a comunicación na familia.