A Deputación da Coruña apoia e destaca a relevancia do programa "Liña do Galego" da Mesa pola Normalización Lingüística

A Deputación da Coruña apoia e destaca a relevancia do programa "Liña do Galego" da Mesa pola Normalización Lingüística

Escrito el 01/10/2019


Unha queixa de media por día, arredor de catrocentas no último ano, é o balance da Liña do Galego, o programa da Mesa pola Normalización Lingüística que a Deputación da Coruña apoia a través dun convenio polo que financia o 80% do orzamento da actividade. A deputada de Lingua, María Muíño, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e a delegada na Coruña, Celia Armas, fixeron balance dunha actividade que, segundo destacaron, "é esencial para escoitar as queixas das persoas galegofalantes que non poden exercer os seus dereitos".

 

"A Deputación da Coruña ten un compromiso firme coa defensa da lingua e con accións que, como a Liña do galego, son esenciais para facer escoitar as queixas das persoas que ven como se conculcan os seus dereitos lingüísticos", sinalou a deputada delegada da área de Normalización Lingüística, María Muíño na súa intervención nunha sesión na que tamén se asinou o convenio de colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística para o mantemento do servizo.

 

A deputada mostrou a vontade da institución de "continuar coa colaboración para garantir que calquera persoa poda desenvolver a súa vida con total normalidade en galego polo que consideramos esencial unha ferramenta como esta".

 

 

 

As queixas recibidas no último ano, por volta das 400, dan conta, segundo presidente da Mesa, Marcos Maceira, de que se continúan a vulnerar os dereitos língüísisticos das persoas galegofalantes. "Recibimos queixas principalmente da adminsitración e tamén de empresas privadas que mostran as dificultades para facer un uso normal da nosa lingua e tamén cumpre a tarefa de asesoramento e de información", explica Marcos Maceira dun servizo polo que tamén se emiten parabéns a empresas e iniciativas que mostran compromiso na normalización lingüística.

 

O presidente da Mesa considerou tamén que o servizo "é fundamental e tiña que estar cuberto pola administración galega que tiña que ser quen garantise os nosos dereitos lingüísticos mais, como non se fai, ten que ser iniciativa nosa co apoio agora da Deputación da Coruña".

 

Pola súa parte, Celia Armas, responsábel comarcal na Coruña da Mesa, analizou na súa intervención os datos últimos do Instituto Galego de Estatística que, segundo apuntou, "hai algúns que nos fan especial ferida porque se dirixen ao ámbito do ensino, onde temos focalizado o noso traballo desde a promulgación do decreto do plurilingüísimo e mostran que un cuarto do alumnado non ten competencia lingüística na nosa propia lingua o que dá conta do estrepitoso fracaso".

 

A Liña do Galego comezou a súa andaina con atención telefónica no ano 2007 e desde o 2016 engadiu unha aplicación para Apple e Android que supuxo a duplicación das consultas e queixas.

 

As denuncias recibidas serviron para a elaboración en anos anteriores de informes e relatorios presentados a diversos organismos, entre os que destacaron o Consello de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas e no 2019 o seu relator especial para as minorías nacionais ou os respectivos Comités de expertos do Consello de Europa para a carta europea das linguas rexionais ou minorizadas ou o convenio Marco das Minorías Nacionais.