A AUTORIZACIÓN DA XUNTA A ALUMINIOS CORTIZO PARA QUE AMPLÍE AS SÚAS INSTALACIÓNS PERMITIRÁ Á EMPRESA CREAR 217 EMPREGOS

A AUTORIZACIÓN DA XUNTA A ALUMINIOS CORTIZO PARA QUE AMPLÍE AS SÚAS INSTALACIÓNS PERMITIRÁ Á EMPRESA CREAR 217 EMPREGOS

Escrito el 04/10/2019


O Consello da Xunta acordou a aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de Aluminios Cortizo, o que permitirá a ampliación e mellora das instalacións que o grupo ten no polígono industrial situado entre Padrón e Rois, na provincia da Coruña. Deste xeito, a empresa prevé aumentar nun 78% a súa superficie e xerar un total de 217 novos postos de traballo, contribuíndo ao impulso da actividade industrial e económica da zona.

 

Aluminios Cortizo investirá un total de 56,9M€ nun proxecto de ampliación que lle permitirá pasar das 17 hectáreas actuais ás 30,3 para acometer tanto obras de urbanización como novas edificacións e instalacións produtivas. En concreto, implantará tres novas plantas para extrusionado e obtención de perfís de aluminio, extrusionado para obter perfil cru de PVC e outra para a obtención de perfilería de aceiro, co que Cortizo suma así un novo produto á súa carteira.

 

As novas instalacións, que contan cun prazo de execución de dous anos, permitirán acometer unha mellora substancial do proceso produtivo cun alto compoñente tecnolóxico, contribuíndo á sustentabilidade ambiental. Deste xeito, está facendo unha aposta decidida pola investigación e a modernización tecnolóxica, necesarias para que a empresa poida reforzar a súa competitividade nos mercados internacionais.

 

Cunha facturación o ano pasado de 636M€, da que o 72% procede do exterior, presenza en 60 países e 3.205 empregados, o Grupo Cortizo posiciónase como un referente europeo do sector e como primeiro fabricante e distribuidor de sistemas de aluminio e PVC para arquitectura en España e Portugal.

 

Deste xeito, a Xunta amosa o seu apoio e compromiso co desenvolvemento industrial da Comunidade e, en concreto, cun sector como o do aluminio, que xera en Galicia preto de 3800 postos de traballo e conta cunha facturación anual que supera os 4000 millóns de euros.