A V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra terá lugar o 3 de novembro, incluirá probas de 5k e 10k e espera superar os 500 participantes

A V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra terá lugar o 3 de novembro, incluirá probas de 5k e 10k e espera superar os 500 participantes

Escrito el 04/10/2019


O concelleiro de Deportes de Lousame, Jesús Martínez, e a atleta lousamiá Pilar Barreiro Senra, presentaron a V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra, que terá lugar o domingo 3 de novembro e manterá as probas de 5k e 10k. Un acto no que estiveron acompañados polos técnicos de Deportes lousamiás, Néstor Romero e Germán Romero, e polo técnico de Xuventude, José Manuel Outeiral.

 

Jesús Martínez destacou que “na anterior edición acadamos un récord de inscricións, 523, pero despois o mal tempo fixo que faltaran gran parte dos escolares. Este ano estou convencido de que teremos mellor tempo e que conseguiremos superar os cincocentos participantes”. Un punto no que coincidiu a madriña da proba, Pilar Barreiro, quen salientou que “cada ano o número de inscricións foi crecendo ata chegar a esas cincocentas persoas, que temos que superar este ano”.

 

Así mesmo, confirmou a súa participación na categoría 5k. “O ano pasado fun segunda, polo que tentarei gañar este ano”, apuntou a madriña da proba, quen aproveitou tamén para “animar a todo o mundo a participar e desfrutar dos beneficios do deporte connosco en Lousame o próximo 3 de novembro”.

 

Pola súa banda, Néstor Romero destacou que “empezamos con esta proba hai cinco anos, sen saber moi ben como ían saír as cousas pero con gañas de facelo ben e estamos vendo que se vai consolidando ano tras ano. De feito, penso que xa ten un posicionamento importante entre as carreiras populares de Galicia”.

 

Carreira

 

Así, a V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra terá lugar na mañá o domingo 3 de novembro. A proba en categoría absoluta disputarase sobre una distancia de 2 voltas de 5 km (10 Km) e poderán participar atletas federados e non federados. As inscricións centralizaranse na páxina web www.emesports.es, sendo a data límite para inscrición o xoves 31 de outubro ás 23:59 horas. O importe da inscrición é de 6 € para a categoría absoluta e totalmente gratuíta para categoría de menores, que dá dereito a participar na actividade, seguros, avituallamentos, duchas e agasallos conmemorativos.

 

Sobre o percorrido, Germán Romero explicou que “apostamos por este formato de 5K e 10K porque nos achega moito, xa que xente que se estea iniciando no atletismo ou non sexa habitual das carreira poidan animarse a unha proba de 5 quilómetros na que, ademais, estrearemos asfalto novo en gran parte do circuíto, reducindo así os riscos de torceduras”.

 

Desenvolvemento da proba

 

A recollida de dorsais levarase a cabo o mesmo día da proba, a partir das 9:00 h., na Praza Teodomiro Hidalgo e será imprescindible presentar o DNI para a súa retirada. Ademais de polo dorsal, os participantes estarán identificados por un chip que deberán colocar nas zapatillas antes da saída. O feito de non levalos ou participar co dorsal doutra persoa dará lugar á descualificación do corredor.

 

As probas escolares darán comezo ás 10:15 horas coas categorías infantil/cadete que percorrerán unha distancia de 1.800 metros. Ás 10:40 horas sairán os corredores da categoría Alevín para percorrer unha distancia de 1 quilómetro. Ás 11:00 horas terá lugar a carreira de 500 metros dos benxamíns; e ás 11:10, a dos prebenxamíns ao longo de 200 metros. Despois tocaralles aos Chupetes cubrir 50 metros (11:20 horas). Ás 11:45 terá lugar a proba xeral, na que os xuvenís cubrirán 5 quilómetros, os junior/promesa 10 km e os senior/veteráns elixirán entre 5k e 10k no momento da inscrición.

 

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes das categorías chupete, prebenxamín, benxamín e alevín, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos. Na proba 5k haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres da carreira absoluta 5k (categoría única), para os tres primeiros/as clasificados/as locais e para os tres primeiros clasificados/as das categorías xuvenil masculino e feminino.

 

Na proba 10K haberá trofeos para os tres primeiros clasificados, mulleres e homes, das categorías junior, promesa, xeral, senior, veteranos (A, B e C) e aos 3 mellores atletas locais (homes e mulleres). Ademais, haberá premio especial aos participantes máis veteranos (home e muller) e ao club máis numeroso. Os premios serán acumulativos. Ademais, todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba.

 

A V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra está organizada polo Concello de Lousame e conta coa colaboración de Protección Civil de Lousame, o voluntariado de Lousame, Cruz Vermella Noia, Gadis, Autos Patiño Noia, Rótulos Ageitos, Correr en Galicia, Xunta de Galicia e Deputación Provincial da Coruña.