A Deputación destaca o seu compromiso cos servizos sociais comunitarios, “os máis cercanos á cidadanía”

A Deputación destaca o seu compromiso cos servizos sociais comunitarios, “os máis cercanos á cidadanía”

Escrito el 04/10/2019


A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o alcalde de Abegondo e presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, inauguraron esta mañá no Pazo de Mariñán (Bergondo) o VIII Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, unha unha xornada dirixida a técnicos e responsables políticos da área Servizos Sociais dos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas.

 

No seu discurso inaugural, a deputada destacou o compromiso do goberno provincial co mantemento dos servizos sociais municipais “os máis cercanos á cidadanía, os que cada día reciben e resolven centos de problemas que afectan ás persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles”.

 

“Somos conscientes da dificultade e o gran esforzo que supón para un concello pequeno contar cunha plantilla de profesionais especialistas no ámbito social, por iso incrementamos a dotación económica do programa de Servizos Sociais Comunitarios de 4 a 7 millóns de euros, permitindo que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña podan contratar persoal administrativo, técnico ou de axuda a domicilio”, afirmou a deputada, que destacou que esta cantidade económica permite contratar cada ano a uns  280 profesionais da área social nos municipios.

 

Uns profesionais que dan atención e servizo cada día a milleiros de cidadáns coruñeses con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a diversos colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres maltratadas, persoas con especiais dificultades de inserción laboral,  maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

 

“Somos conscientes de que algunhas das liñas que actuación que desenvolvemos dende a Deputación da Coruña corresponderían a outras administracións que teñen competencia directa nestas materias, pero para nós a área social e a atención aos colectivos máis vulnerables é unha prioridade e non dubidaremos en seguir apoiando aos concellos na resposta ás numerosas urxencias sociais que reciben”, afirmou a deputada.

 

Durante a xornada de hoxe, arredor de 80 técnicos e concelleiros de Servizos Sociais dos concellos dos municipios do Consorcio das Mariñas (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros, Culleredo e Sada) formaranse e debateran sobre aspectos relacionados co seu labor diario e analizarán os retos de cara ao futuro no ámbito dos servizos sociais.

 

As dimensións emocional e ética na intrevención social, a planificación estratéxica dos servizos sociais e a innovación neste eido son algúns dos aspectos que se abordarán durante a xornada, que contará coa intervención de especialistas coma Ana Isabel Guillén, xefa do servizo de Traballo Social do CHUS e secretaria do comité de Bioética de Galicia; Fernando Fantova, consultor social e Sara Vierna e Virgina Pañeda, especialistas en educación emocional e igualdade.