GONZALO CABALLERO VE “UNHA FARSA” QUE FEIJÓO FALE DE “CENTRALIDADE” POR NON DESMARCARSE DAS PALABRAS “INCENDIARIAS” DE DÍAZ AYUSO

GONZALO CABALLERO VE “UNHA FARSA” QUE FEIJÓO FALE DE “CENTRALIDADE” POR NON DESMARCARSE DAS PALABRAS “INCENDIARIAS” DE DÍAZ AYUSO

Escrito el 04/10/2019


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou hoxe “unha farsa” que Feijóo fale da “centralidade política” do PP á vista das declaracións “inadmisibles e incendiarias” de Díaz Ayuso sobre a queima de igrexas e parroquias.

 

“O seu discurso de centralidade é falaz, porque milita nun PP en mans da ultradereita que se escandaliza por retirar ao ditador dun espazo concibido para a súa exaltación”, remarcou o líder do PSdeG, quen advertiu de que este tipo de actuacións “póñennos a todos en aviso do que é a dereita e a ultradereita”.

 

Por iso, durante unha visita a Vilagarcía horas antes de participar co primeiro ministro de Portugal, António Costa, no peche de campaña das eleccións lexislativas, Gonzalo Caballero situou aos socialistas españois e lusos como “a barreira de contención” fronte á dereita e á ultradereita, e como a referencia para “os avances e a xustiza social”.

 

PROBLEMAS NO SALNÉS

 

En paralelo, tras manter unha xuntanza coa plataforma de afectados polos problemas sanitarios no Salnés, Gonzalo Caballero criticou que os 10 anos de Feijóo á fronte da Xunta só serviron para “recortar e privatizar” a sanidade pública.

 

“Aumentaron as listas de espera, hai menos camas hospitalarias, o persoal está máis saturado...”, enumerou o dirixente socialista, quen lamentou esta situación nun país “con salarios e pensións máis baixas” que no conxunto do Estado e cunha poboación “máis envellecida”.

 

E, tras constatar que Feijóo “está dando as costas” aos veciños do Salnés, sinalou a sanidade pública como “unha prioridade” para os socialistas. “Cando haxa un goberno progresista na Xunta, garantiremos a calidade da sanidade pública”, asegurou.

 

Non se esqueceu Gonzalo Caballero dos problemas dos residentes na bisbarra arousá que, coma no resto de Galicia, sofren para pagar os libros de texto e o material escolar; e que padecen as dificultades derivadas da falla de prazas en residencias para maiores. “Mentres a Xunta pon trancas en vez de resolver os problemas”, criticou.

 

Finalmente, denunciou que o PP “está atrancando a renovación democrática” na Mancomunidade do Salnés, na que a cidadanía puxo unha maioría progresista tralas pasadas eleccións municipais. “E o PP non é o dono das institucións”, advertiu.

 

“AUTOBOMBO” DO CONSELLEIRO DE SANIDADE

 

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, agradeceu a visita do secretario xeral para coñecer “de primeira man” os problemas dos afectados polas altas listas de espera no Hospital do Salnés.

 

E, de paso, o rexedor vilagarcián reprochou ao conselleiro de Sanidade que se desprazase á bisbarra para “facer autobombo” no Intecmar pero “non tivese tempo para atender a invitación do Concello para “ver o estado do ambulatorio de San Roque”, por exemplo.

 

“DOUS MESES SEN PEDIATRA”

 

A continuación, a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, lamentou a “falla de médicos” que padeceu o concello durante todo o verán, e denunciou que a día de hoxe a súa vila leva “dous meses sen pediatra”.

 

“Levamos tres requirimentos á Xunta, pero nin contestan”, manifestou, crítica coa “falla de respecto” que supón non só para o concello senón “para todos os veciños e veciñas de Meis”.