Un ensaio sobre os soberanos da Galiza Castrexa gaña o XII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña

Un ensaio sobre os soberanos da Galiza Castrexa gaña o XII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña

Escrito el 08/10/2019


"Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa" é o título da obra gañadora da XII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña. O seu autor, Martín Fernández Calo, (Porto do Son,1990) reivindica a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu.

 

Un premio de 6.500 € e a publicación da obra é o que recibirá o investigador Martín Fernández Calo por ter gañado a XII edición do Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña coa súa obra "Callaici principes. Os sobreranos da Galiza castrexa".

 

Un xurado composto por Xurado, Miguel Anxo Seixas Seoane, Rebeca Baceiredo Pérez, Iria Veiga Ramos, e os gañadores da edición anterior Raúl Sotelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria escolleron a obra de Martín Fernández Castro da que destacaron o seu rigor e claridade expositiva.

 

"A investigación amosa unha profunda e rigorosa análise da institución de principes na Callaici da Antigüidade, cun amplo marco comparativo no eido xeográfico europeo. É singularmente meritoria dadas as dificultades da interpretación social do rexistro material de época castrexa", apunta o fallo do premio que destaca tamén que "a  tese dunha xefatura indíxena (asimilable ao concepto de princeps gentis) prerromana que persiste en época de Xulio-Claudia, descansa nunha sólida argumentación teórica, grazas á lectura científica do limitado corpus epigráficos, dun rico abano de clásicos latinos e de copiosas e pertinentes referencias bibliográficas (galegas, españolas e estranxeiras)".

 

O xurado apunta ademais que o estudo está moi ben redactado e é moi preciso terminolóxicas e conceptualmente. "O autor sintetiza ben os obxectivos da investigación e  os resultados acadados nas conclusións. E formula interrogantes cuxas respostas problemente están enterradas nas ducias de xacementos castrexos sen escavar a día de hoxe", sinalan arredor da obra.

 

Martín Fernández Calo naceu en Porto do Son en 1990 e forma parte da última xeración de licenciados en Historia (USC, 2013). O seu ámbito de investigación céntrase na historia socio-política, institucional e eclesiástica da antiga provincia romana da Gallaecia, os seus antecedentes pre-históricos e o seu legado tardo-antigo e medieval.

 

Reivindica así a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu, digno de estudo específico, tentando asemade de superar os compartimentos cronolóxicos que adoitan encorsetar a investigación académica.

 

Alén de Callaici principes: os soberanos da Galiza castrexa, gañadora do Manuel Murguía, a esta intención xeral se adscribe a súa tese de licenciatura (USC, 2015): A organización político-administrativa de Galicia na Antigüidade: séculos II a.C.-VIII d.C.

 

O pasado ano publicou Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia: séculos II a.C.-VIII d.C. (Blukk Edições, 2018). Toda a súa produción académica, con referencias, resumos e eventualmente arquivos para a descarga, pode consultarse na súa páxina académica persoal: https://usc-es.academia.edu/MartínFernándezCalo.