Un total de 21 veciños e veciñas de Noia maiores de 50 anos participan no programa “Camiños de coñecemento e experiencia”

Un total de 21 veciños e veciñas de Noia maiores de 50 anos participan no programa “Camiños de coñecemento e experiencia”

Escrito el 10/10/2019


Un total de 21 veciños e veciñas de Noia maiores de 50 anos participan dende hoxe e ata o vindeiro 25 de outubro no programa “Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento”, unha iniciativa gratuíta de formación universitaria posta en marcha pola Universidade de Santiago de Compostela e coa que por primeira vez colabora o Concello de Noia.

 

Un programa que foi inaugurado esta tarde pola directora do IV Ciclo da USC, Esther Oliveira Oliveira; polo vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da USC, o profesor Víctor Arce; e pola concelleira de Relacións Veciñais de Noia, Beatriz Rosende. Eshter Oliveira agradeceu a colaboración do Concello de Noia na realización das sesións, especialmente nas prácticas, e explicou que “este programa nace hai catro anos para potenciar o acceso da Universidade ao medio rural e ás nosas vilas, dando resposta á demanda de formación dun colectivo de máis de cincuenta anos”.

 

Neste sentido, Víctor Arce asegurou que se trata “dunha das mellores formas de proxectar a Universidade na sociedade” xa que “o interese por aprender que ten o alumnado de cuarto ciclo non ten comparación con outros ciclos. É moi estimulante”. Ademais, “queremos que os coñecementos se vinculen co territorio ao que nos diriximos, no caso de Noia coa saúde, a xeografía e o cine”.

 

Programa

 

O programa formativo inclúe tres sesións teóricas, que terán lugar no edificio municipal de Servizos Administrativos O Matadoiro (rúa Espírito Santo, 4) os días 10, 14 e 24 de outubro, en horario de tarde. O primeiro seminario, “Que é o envellecemento”, foi impartido esta tarde por Víctor Manuel Arce Vázquez, doutor en Medicina e profesor da Facultade de Medicina da USC.  O luns 14 de outubro, de 16:30 a 18:00 horas, Juan López Bedoya, profesor da Facultade de Xeografía e Historia, impartirá a charla “Xeografía física da costa galega: orixe, evolución e orixinalidade do noso litoral”. Para o mércores 23 de outubro está programada a xornada “O cine como linguaxe”, impartida por Álvaro Dosil Rosende, do grupo de investigación 3ª Xeración e bolseiro da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC.

 

As sesións prácticas estarán vencelladas ás charlas teóricas. A primeira será un roteiro pola costa, o venres 18 de outubro de 16:30 a 18:00 horas, guiados polo profesor Juan López Bedoya. A segunda será o mércores 23 de outubro e terá lugar na Facultade de Medicina de Santiago, na que o alumnado será guiado por José Manuel Fernández García, doutor en Medicina e especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Finalmente, o xoves 24 de outubro Álvaro Dosil impartirá unha práctica sobre o cine como linguaxe.

 

A maiores haberá un peche común de todos estes programa en Compostela, nunha data por determinar, así como unha actividade cultural no Auditorio de Galicia entre o 28 de novembro e o 13 de decembro, que será definida durante a próxima semana.

 

“Camiños de coñecemento e experiencia” é un programa organizado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela e polo Concello de Noia, que contan coa colaboración da Consellería de Política Social, a Deputación Provincial da Coruña e o Banco Santander.