A Deputación da Coruña apoia a programación cultural da Real Academia Galega

A Deputación da Coruña apoia a programación cultural da Real Academia Galega

Escrito el 14/10/2019


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o seu homólogo da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio polo que a Deputación financia a programación cultural da entidade durante o presiente ano. Ao acto asistiu tamén o deputado responsable da área de Cultura, Xurxo Couto.

A Deputación achega 60.000 euros, un 80% do orzamento que a Real Academia inviste na súa programación anual, que inclúe actividades como os cursos de verán de lingua e cultura “Galego sen fronteiras” para persoas de fóra de Galicia, a fase de finalización dun estudo sociolingüístico sobre competencias e usos do galego na infancia, as actividades expositivas e didácticas da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán ou a actividade “Primavera das Letras”, que este ano achegou aos escolares da provincia a figura de Antón Fraguas e o seu importante traballo no eido etnográfico e cultural.

González Formoso gabou o traballo que desenvolve a RAG na promoción da lingua e cultura galegas e destacou que a colaboración da Deputación está enfocada especialmente a actividades que se desenvolven entre persoas de fóra de Galicia e entre os máis pequenos.

Pola súa banda, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, agradeceu o apoio da Deputación para manter a actividade desta institución centenaria.