Europe Direct A Coruña organiza un obradoiro sobre redacción de proxectos Erasmus+ o vindeiro 23 de outubro

Europe Direct A Coruña organiza un obradoiro sobre redacción de proxectos Erasmus+ o vindeiro 23 de outubro

Escrito el 15/10/2019


Europe Direct A Coruña-Deputación da Coruña e a rede Eurodesk A Coruña - Asociación Ingalicia, organizan o "Obradoiro de redacción de proxectos europeos: Erasmus+" que se celebrará o 23 de outubro no Pazo Provincial (Avenida Porto da Coruña, nº 2 - 6º).

Esta actividade forma parte da campaña europea "Time to Move", coordinada en España pola Axencia Nacional do programa Erasmus+ no ámbito da xuventude, INJUVE, organismo que expedirá certificado de participación na actividade aos participantes.

O obradoiro, de carácter gratuíto, ten como obxectivo dotar aos participantes das ferramentas precisas para realizar un proxecto no marco dos programas “Erasmus+” e “Corpo Europeo de Solidariedade” destinados á promoción dos intercambios xuvenís e do voluntariado europeo.

Este curso está dirixido ao persoal técnico dos concellos así como aos membros de organizacións sen ánimo de lucro interesados en promover a movilidade xuvenil no seu territorio.

O aforo está limitado a 25 prazas. Para a inscrición ou información complementaria, contacte en europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Máis información dispoñible en www.dacoruna.gal/europedirect.

---------

Antecedentes:

Time to Move é a campaña que a rede de información xuvenil Eurodesk, respaldada pola Comisión Europea,  realiza durante o mes de outubro de cada ano para dar a coñecer as múltiples posibilidades que as persoas novas teñen ao seu alcance para viaxar ao estranxeiro e participar nun proxecto internacional, explorar Europa ou obter unha valiosa experiencia para o seu futuro.

O Programa Erasmus  ofrece a persoas de todas as idades a posibilidade de desenvolver e compartir coñecementos e experiencias en institucións e organizacións de distintos países a través de actividades como Estudos universitarios no estranxeiro, Másteres conxuntos Erasmus Mundus, Docencia no estranxeiro, Prácticas e Servizo Voluntario Europeo e intercambios xuvenís.

Erasmus  ofrece oportunidades a diferentes organizacións, como universidades, centros de educación e formación, grupos de reflexión, asociacións, centros de investigación e empresas privadas dentro de tres accións crave (Key Action, KA, polas siglas en inglés) e outros programas: KA1 mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe, KA2 innovación e boas prácticas, KA3 apoio á reforma de políticas, actividades Jean Monnet e Deporte.