MÁIS DE 210.000 EUROS DE INVESTIMENTO PARA A MELLORA DO POLÍGONO INDUSTRIAL DE XARÁS A TRAVÉS DE DÚAS ACTUACIÓNS

MÁIS DE 210.000 EUROS DE INVESTIMENTO PARA A MELLORA DO POLÍGONO INDUSTRIAL DE XARÁS A TRAVÉS DE DÚAS ACTUACIÓNS

Escrito el 18/10/2019


O polígono de Xarás vén de ser o destino dunha inversión superior aos 210.000 euros co obxectivo de mellorar esta zona industrial a través de dúas actuacións: por unha parte, da renovación en beirarrúas e calzada dun tramo da avenida Ramiro Carregal Rey, que xa comezou; e por outra a instalación dunha nova rede de pluviais que foi adxudicada con carácter provisional.

 

Tocante á primeira das obras referidas, a intervención persegue continuar outra acción semellante emprendida o outono pasado.

A empresa que está a realizar estes traballos é Marqués de Marancán S.L. e comporta un investimento de 81.670 euros, IVE incluído. A actuación conta cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia ao abeiro da orde do 17 de decembro de 2018 da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia.

 

As beirarrúas onde se centro a actuación están pavimentadas actualmente en formigón en masa e presentan un estado deteriorado, ao igual que a calzada. Por esta razón, proxectouse a pavimentación das devanditas beirarrúas cunha capa de formigón de 20 centímetros de espesor (en tramos de 176 metros na marxe dereita e 403 na dereita), e a pavimentación da calzada con aglomerado asfáltico en quente ao longo de 265 metros.

 

Segunda obra

A segunda das obras referidas comprende a instalación dunha rede de pluviais na avenida Ramiro Carregal Rey: unha intervención que vén de ser adxudicada con carácter provisional (había 40 ofertas presentadas) a Excavaciones Nima, S.L., e supón unha inversión de 131.018 euros. Ten un prazo de tres meses.

 

 

A día de hoxe, esta área industrial dispón dunha rede deficitaria de pluviais que rexistra ocasionalmente avarías, circulando a auga de chuvia pola calzada en gran cantidade. Co obxecto de evitar esta situación, proxéctase unha nova rede dispoñendo un colector por cada unha das marxes das rúas principais do polígono, a base de PVC corrugado de 400 milímetros de diámetro. Ademais, nos cruces de colectores situaranse pozos de rexistro e tamén se instalarán acometidas de pluviais aos inmobles.