O pleno da Deputación rexeita por “oportunista” e “electoralista” a proposta do PP que pedía a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica

O pleno da Deputación rexeita por “oportunista” e “electoralista” a proposta do PP que pedía a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica

Escrito el 21/10/2019


O pleno da Deputación da Coruña rexeitou hoxe, nunha sesión extraordinaria convocada a petición do Grupo Popular,  a proposta de resolución que presentaron os populares para pedir a reactivación inmediata da central térmica das Pontes e a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

 

A iniciativa do Grupo Popular, que foi defendida pola deputada Martina Aneiros, recibiu duras críticas de todos os grupos por “oportunista” e “electoralista” e finalmente decaeu, tras recabar 17 votos en contra de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños, fronte a só 12 favorables do Grupo Popular.

 

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, indicou que a pesar de estar de acordo co fondo da moción, “ten un tinte electoralista que non podemos compartir”.

 

“Poderiamos estar pedindo unha dimisión cada semana, por acción ou omisión, pero abrimos un camiño perigoso que esta Presidencia non está disposta a seguir”, afirmou o presidente provincial, que ofreceu ao PP sumarse a un acordo conxunto nos mesmos termos que o propio González Formoso obtivo na súa reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñéz Feijóo, para solicitar ao Goberno “medidas de reactivación inmediata” da central pontesa e “crear unha mesa técnica, con participación de todas as partes implicadas, que evalúe qué tipos de combustibles serán os mellores para a futura substitución do carbón na térmica”. A proposta da Presidencia foi rexeitada polo Grupo Popular, que tamén rexeitou as emendas presentadas por PSOE-BNG e Marea Atlántica para impulsar unha declaración conxunta.

 

 

 

 

No debate, a deputada do PP Martina Aneiros, afirmou que a transición ecolóxica “non está sendo xusta nin unha auténtica transición” e culpou ao Goberno por unha política “improvisada e desordenada” en materia enerxética.

 

O portavoz do PSOE na Deputación, Bernardo Fernández, acusou aos populares de “tratar de escenificar un problema moi grave para centos de cidadáns por intereses meramente electoralistas” e censurou que o PP non quixera chegar a un acordo na Xunta de Portavoces para impulsar unha iniciativa conxunta de todos os grupos políticos en defensa do mantemento da actividade na térmica.

 

“O mesmo día que 25 alcaldes de todos os grupos políticos das comarcas afectadas nos reuníamos en Ferrol para alcanzar un acordo común, o PP estaba rexistrando a moción que debatimos hoxe”, afirmou Fernández, que dixo que a iniciativa dos populares “apesta a electoralismo e denota falta de respecto aos traballadores”.

 

Fernández argumentou ademáis que cada megavatio que produce a central pontesa custa 16 euros por enriba do seu prezo de mercado, dos que 6 corresponden ao “céntimo verde” e 10 á suba do prezo dos dereitos de emisión de CO2, que pasou de 4,30 euros en 2017 a 26,07 € a día de hoxe, debido a entrada de fondos de inversión que especulan con estes dereitos. “¿Comparte vostede a decisión de Arias Cañete de que bancos e fondos de inversión podan especular cos dereitos de emisión de CO2?”, preguntoulle o deputado socialista á portavoz popular.

 

O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, Xosé Regueira, afirmou que a iniciativa do PP “non é oportuna, é oportunista” e denunciou que os populares “non tiveron a intención de chegar a un acordo, o que lles interesa e buscar un titular político en época electoral”.

 

Regueira afirmou que o que precisan os traballadores “non é a dimisión dunha ministra que xa está en funcións” e considerou que o normal sería que o presidente da Xunta “se puxera á fronte dos 25 alcaldes” das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para “encabezar unha proposta autonómica que levar a Madrid”.

 

Regueira apuntou tamén a que “a orixe do problema é que Endesa estea en máns italianas e non do Estado español”, un aspecto no que tamén incidiron outros portavoces coma Alberto Lema, da Marea Atlántica, que afirmou que “vivimos a época das consecuencias” das privatizacións de empresas públicas que tiveron lugar nos anos 80 e 90.

 

Tamén o presidente da Deputación se referiu “á orixe do problema”, cando lembrou que empresas coma Autopistas do Atlántico, Alcoa ou Endesa foron privatizadas polo goberno de José María Aznar “mentres en Italia ou Francia as empresas enerxéticas seguen sendo públicas”,ou cando se sucribiu o protocolo de Kioto “con España ausente”.

 

Pola súa banda, o portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, censurou que “se venderan as empresas do país a multinacionais” e considerou “gravísimo” convocar un pleno extaordinario “co gasto que supón” por este motivo, cando no último pleno provincial se alcanzaron acordos unánimes de todas as forzas políticas en defensa do emprego e a actividade e dunha transición xusta para a central das Pontes.