RECEPCIÓN AO ALUMNADO PARTICIPANTE NUN PROGRAMA DE INTERCAMBIO ENTRE O IES Nº1 DE RIVEIRA E O PAULUS PRAETORIUS ALEMÁN

RECEPCIÓN AO ALUMNADO PARTICIPANTE NUN PROGRAMA DE INTERCAMBIO ENTRE O IES Nº1 DE RIVEIRA E O PAULUS PRAETORIUS ALEMÁN

Escrito el 22/10/2019


O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este mediodía unha recepción institucional por parte do alcalde, Manuel Ruiz, ao alumnado participantes nun programa intercambio escolar entre o instituto riveirense Número 1 e o instituto Paulus Praetorius da localidade de Bernau, unha poboación cun tamaño similar ao noso que está situada nas proximidades de Berlín, capital de Alemaña.

 

En total, foron 38 os estudantes congregados no consistorio local, 19 por centro educativo, xunto cos seus profesores. A expedición xermana chegou á nosa cidade no día de onte e permanecerá ata o sábado 26. O alcalde deulles unha calorosa benvida e desexoulles unha feliz estancia no noso municipio, do que lles resaltou as súas principais características e atractivos, ademais de destacar a idoneidade de iniciativas como este programa para rachar estereotipos e coñecer a realidade de Europa e aprender a percibir todo o que nos une.

 

Tamén participaron no acto de recibimento dúas profesoras, Isabel Peleteiro por parte do IES Número 1, e a señora Alvarez-Bech, profesora de castelán no Paulus Praetorius. Ambas fixeron fincapé na importancia de estreitar lazos e compartir valores. Tamén fixo unha intervención unha alumna do instituto alemán, Eve Kandora, de 17 anos, quen, no nome do alumnado visitante, expresou o seu agradecemento por seren recibidos cos brazos abertos: “somos jóvenes y estamos muy dispuestos a conocer el mundo desde muy cerca a través de los ojos de nuestros compañeros de intercambio y nuestras propias experiencias”, declarou.

 

Antes de concluír o acto, o Concello fixo entrega duns libros relativos ao noso municipio para que sexan incorporados á biblioteca do instituto de Bernau e tamén se agasallou aos estudantes presentes cunhas camisetas.