ADQUIRIDO O INMOBLE DA AVENIDA DAS AIRÓS QUE SE CEDERÁ Á XUNTA PARA A CREACIÓN EN RIVEIRA DUN PUNTO DE ENCONTRO FAMILIAR

ADQUIRIDO O INMOBLE DA AVENIDA DAS AIRÓS QUE SE CEDERÁ Á XUNTA PARA A CREACIÓN EN RIVEIRA DUN PUNTO DE ENCONTRO FAMILIAR

Escrito el 22/10/2019


O Concello de Riveira informa de que xa formalizou a compra do inmoble que cederá á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para a creación en Riveira dun Punto de Encontro Familiar.

 

Logo de que, no pleno do pasado xullo, a Corporación Municipal dese o visto bo por maioría absoluta a esta iniciativa, procedeuse á adquisición dun baixo de 123 metros cadrados de superficie nun edificio situado na avenida das Airós, no lugar de Fontán, moi preto de onde se vai construír a nova comisaría. O prezo, 80.490 euros.

 

Cómpre lembrar que no citado pleno de xullo acordouse a cesión do citado inmoble a Política Social por un período de 30 anos. Durante o período de exposición pública non houbo alegacións.

 

Os puntos de encontro familiar constitúen un equipamento social, de carácter neutral, especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente, que ten por obxecto favorecer a relación entre as e os menores e as súas familias cando nunha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar, o exercicio do dereito de visitas se vexa interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo.

 

O oitavo de Galicia

Ata o de agora existen na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. O de Riveira será polo tanto o oitavo municipio da comunidade autónoma que conte con este servizo, evitando así longos desprazamentos ata a capital galega.