Os nenos e nenas do programa “Lousame Concilia” decoran a súa aula para o Samaín

Os nenos e nenas do programa “Lousame Concilia” decoran a súa aula para o Samaín

Escrito el 22/10/2019


Os 18 nenos e nenas que participan este curso no programa “Lousame Concilia” están a decorar a súa aula do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro para a chegada das festas do Samaín. Uns divertidos traballos que desenvolven antes do inicio das clases, concretamente entre as 7:45 e as 9:00 horas.

 

Ademais de decorar a súa aula para o Samaín, a rapazada do “Lousame Concilia” tamén está a realizar outras actividades ao longo da semana. Un programa preparado polos Servizos Sociais lousamiás nos que os luns están dedicados á arte e á pintura, tratando cada día un estilo de pintura diferente. Onte luns, 21 de outubro, a obra de referencia foron “Os xirasois”, de Vincent Van Gogh.

 

Hoxe martes tocou actividade física, mediante xogos grupais e de movemento. Mañá mércores será a quenda das manualidades, mentres que os xoves quedan para os contacontos e os venres para o cinema.

 

O “Lousame Concilia” é un servizo de atención e coidado de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos posto en marcha polo Concello de Lousame, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade, para facilitar a conciliación familiar no municipio. Ademais dos 18 inscritos, o Concello de Lousame conta con outras dúas prazas máis dispoñibles para atender as demandas de días soltos por parte das familias, que só teñen que poñerse en contacto cos Servizos Sociais no 981 820 494.