A Deputación da Coruña bota a andar o Plan de Igualdade que se desenvolverá até o ano 2023

A Deputación da Coruña bota a andar o Plan de Igualdade que se desenvolverá até o ano 2023

Escrito el 24/10/2019


A Deputación da Coruña aprobará mañá venres no pleno o Plan de Acción de Políticas de Igualdade, Compartimos Plan, que analiza e deseña o camiño para construír a igualdade desde os concellos. A deputada de Igualdade, María Muíño e a técnica de Igualdade da Deputación da Coruña, Eva Ovenza, presentaron a iniciativa que por primeira vez se aproba na institución e que se desenvolverá do 2019 ate´ao 2023.

 

"Coa aprobación deste documento comeza unha nova etapa na aplicación de políticas de igualdade entre homes e mulleres e na loita contra a violencia de xénero. A partires de agora temos unha ferramenta que nos vai permitir investir todos os nosos recursos dun xeito coordinado e cun coñecemento moi concreto  do que se precisa", explicou a deputada de Igualdade, María Muíño, nunha intervención na que anunciou que o documento será aprobado no pleno despois de ter o voto afirmativo de todos os grupos con representación na comisión informativa previa.

 

María Muíño destacou que esta é a primeira vez que a institución aproba un plan de acción de políticas de igualdade na súa historia e fixo fincapé no proceso de elaboración que contou coa participación de todos os axentes implicados no territorio. En total, no proceso participativo interviron máis de 1800 persoas, con 849 persoas que responderon a enquisa on line, o desenvolvemento de máis de 100 foros, e máis de 150 entrevistas individuais a  traballadoras municipais e da Deputación.

 

Compartimos Plan preséntase como  un proxecto construído  desde o territorio e con axentes do territorio que traballan no día a día en contacto directo coas veciñas e veciños. "Por esta natureza do proxecto tiñamos que contar en todo o proceso con persoal político e técnico das administracións do territorio, Xunta, Concellos, FEGAMP, delegación do goberno, mais tamén de sindicatos, colexios profesionais, entidades veciñais e sociais e por suposto do noso propio persoal", explicou a deputada.

 

O resultado de todo este proxecto participativo é un documento que se organiza en torno a 6 áreas estratéxicas e que contempla 170 medidas que responden a 29 obxectivos específicos. As áreas céntranse na propia Deputación, nos concellos, na sociedade en xeral, no mercado laboral no empoderamento colectivo das mulleres e no fomento dunha sociedade libre de violencias machistas.

 

Dous obxectivos básicos

 

Compartimos Plan recolle dous obxectivos específicos  prioritarios que pretenden crear as condicións estruturais básicas para a igualdade nas administracións locais. Por un lado, búscase o fortalecemento e consolidación da transversalidade de xénero na acción provincial para o que está previsto a creación dunha estrutura específica de igualdade o organigrama que teña maior capacidade para incorporar o principio de igualdade en todos os ámbitos de actuación. Por outra banda, prevese a creación dunha rede de concellos pola igualdade que axude a que o persoal técnico poida desenvolver e coordinar as políticas de igualdade local cunha perspectiva comarcal e tendo en conta a diversidade do territorio.Neste sentido, en breve, porase en marcha unha ordenanza de transversalidade de  xénero e botarase a andar unha rede de concellos pola igualdade.

 

 

 

María Muíño tivo palabras de recoñecemento para a súa antecesora Ánxela Franco, falecida no pasado mes de xuño, que iniciou o proceso que remata agora coa aprobación do Plan de Accción de Igualdade, Compartimos Plan.