O Concello de Lousame celebra mañá sábado o Día da Biblioteca con “A viaxe de Nano”, un contacontos para bebés de Raquel Queizás

O Concello de Lousame celebra mañá sábado o Día da Biblioteca con “A viaxe de Nano”, un contacontos para bebés de Raquel Queizás

Escrito el 25/10/2019


O Concello de Lousame celebrará o Día da Biblioteca mañá sábado 26 de outubro, ás 12:00 horas, coa posta en escena de “A viaxe de Nano”, un contacontos para bebés de Raquel Queizás, que culmina todo un mes de outubro no que se celebrou un obradoiro de animación á lectura. Unha actuación recomendada para un público familiar con nenos e nenas pequenos e cuxo acceso será totalmente libre e de balde.

 

A xornada comezará coa lectura e difusión dun manifesto co gallo do Día da Biblioteca, que se conmemora todos os 24 de outubro. Un manifesto escrito por Gemma Pasqual, traducido ao galego por Héctor Cajaraville, onde se destaca o papel das bibliotecas, “un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos”.

 

Acto seguido terá lugar a posta en escena de “A viaxe de Nano”, un espectáculo que estimula as habilidades de percepción espacial e psicomotricidade dos bebés a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese e cunha duración axeitada á súa capacidade de atención. Unhas historias protagonizadas por Nano, unha ra que irá medrando cos contos narrados por Raquel Queizás, aprendendo as cores, os nomes das cousas, os xogos...

 

Esta actuación está organizada polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da rede cultural da Deputación Provincial da Coruña.