Máis de corenta establecementos de Noia Histórica ofrecen mañá descontos do 20% no seu ‘Sábado Negro’

Máis de corenta establecementos de Noia Histórica ofrecen mañá descontos do 20% no seu ‘Sábado Negro’

Escrito el 25/10/2019


A concelleira de Comercio e Hostelería, Mariola López, e a presidenta do Centro Comercial Aberto Noia Histórica, Yanira Somoza, presentaron esta mañá as actividades do ‘Sábado Negro’, que se celebra mañá 26 de outubro. Máis de corenta establecementos asociados ofrecerán nesta xornada descontos do 20% nos seus artigos.

 

Nesta iniciativa de dinamización económica participan tendas de moda, calzado, complementos, roupa infantil, deportes, xoierías, xogueterías ou complementos e decoración, mostra da gran diversidade comercial da vila de Noia.

 

A concelleira Mariola López animou a que “a xente do municipio e doutros lugares da contorna acudan ao Sábado Negro porque será unha ocasión formidable para esas compras que quedaron de atrás na tempada e mesmo para ir adiantando algunhas compras navideñas”. López destacou que Noia dispón dun comercio de máxima calidade cun servizo de proximidade.

 

Yanira Somoza fixo fincapé en que esta é a novena edición do ‘Sábado Negro’, que fai de Noia Histórica a precursora deste tipo de eventos comerciais en toda a comarca. A presidencia do Centro Comercial Aberto destacou que a xornada contará cun amplo horario, ata as 22:00 horas, e lembrou que as persoas interesadas poden consultar os establecementos participantes e as ofertas especiais na web www.noiahistorica.com.

 

Tanto López como Somoza destacaron tamén a colaboración da hostelería, posto que varios establecementos ofrecerán merenda con chocolate e churros a partir das 18:00 horas e xogos infantís inchables a partir das 17:00 horas, cos que os pais e nais poderán efectuar as compras con tranquilidade mentres os nenos e nenas xogan e se entreteñen.