A Deputación da Coruña condena os actos violentos de Cataluña e traslada o seu apoio á labor realizada polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado

A Deputación da Coruña condena os actos violentos de Cataluña e traslada o seu apoio á labor realizada polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado

Escrito el 25/10/2019


O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe cos 25 votos favorables de PSOE, PP e Alternativa dos Veciños e os 5 votos en contra de BNG e Marea Atlántica unha moción impulsada polo Grupo Popular na que se declara “a máis firme condena dos actos violentos protagonizados nos últimos días por elementos radicais de Cataluña” e se mostra “un apoio incondicional ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como á Policía autonómica catalana, en especial a todos aqueles que resultaron feridos no desempeño das súas funcións, pola súa impecable labor e profesionalidade demostrada na defensa e protección dos dereitos e liberdades de todos”.

 

A portavoz do BNG, María Muíño, afirmou que o seu grupo “rexeita e condena calquera tipo de violencia e desexamos a pronta recuperación dos feridos nos disturbios”. “Lamentamos a situación que se vive en Cataluña. É un problema político e a vía para solucionalo é a vía política”, afirmou a deputada.

 

En similares termos se expresou o portavoz da Marea Atlántica, Alberto Lema, que afirmou que “o PP non ten nada que perder en Cataluña” e “trata de facer política con Cataluña para o resto de España”, pero “non busca unha solución ao problema”.

 

Pola súa banda, os portavoces de PP, PSOE e Alternativa dos Veciños suscribiron o texto da moción e incidiron no seu apoio aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que resultaron feridos nos disturbios da pasada semana en Cataluña.