Tres bandas e tres solistas optarán aos premios da cuarta edición do Quero Cantar da Deputación da Coruña

Tres bandas e tres solistas optarán aos premios da cuarta edición do Quero Cantar da Deputación da Coruña

Escrito el 28/10/2019


Bandas de Caión, Laxe e Ames na categoría e infantil e solistas de Sada, A Coruña e Vila de Cruces no xuvenil son as finalistas da cuarta edición do certame de música infantil e xuvenil da Deputación da Coruña, Quero Cantar. A final terá lugar no Teatro Colóon da Coruña o día 24 ás 17.30 horas nunha gala conducida por Sole Felloza na que Magín Blanco e a Banda das Apertas protagonizarán a actuación convidada.

 

Os músicos Pablo Díaz, Paco Nogueiras e César Freira, a cantante Xoana e a mestra e tamén música Bárbara Mourelo,  compuxeron o xurado  presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e coa xefa de servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, que escolleu as cinco

bandas de cada categoría, infantil e xuvenil, que pasarán a formar parte do do disco Quero Cantar 19,  e, de entre esas cinco, as tres primeiras en cada categoría que o próximo 24 de novembro, a partir das 17.30, terán que defender en directo o seu tema ante o público do Tteatro Colón para decidir os premios da nova edición.

 

As bandas infantís finalistas desta nova edición son: "A música das baleas", do Ceip de Caión, co tema "A peor xogada"; Rap-osiños, grupo da escola municipal de música de Laxe, coa canción "Panchita blues"  e  Baroubanda, alumnado de guitarra do Ceip A Barouta, en Ames.

 

 

Na categoría xuvenil elixíronse como finalistas tres solistas: Veiga, de Sada, coa canción "A ilusión dun porvir", na que o artista canta e toca a guitarra; Isma Kalo, nome artístico de xove coruñesa Laura Marín, co seu tema "A quen lle importa?", interpretado tamén con voz e guitarra e finalmente a pianista Noa, de Vila de Cruces, segunda clasificada na edición xuvenil do ano pasado, e que este ano volverá estar no teatro Colón co tema "As ondas do mar".

 

Os premios aos que aspiran estes seis finalistas son de 1500 euros para a compra de material musical e mais a gravación dun videoclip para os primeiros clasificados de cada categoría; e 1000 e 500 euros para compra de material, respectivamente os segundos e terceiros clasificados de cada categoría. Grupos e solistas actuarán ante un novo xurado que para esa ocasión estará formado por rapaces e rapazas de idades parellas ás dos participantes, ata 12 anos na categoría infantil e entre 13 e 16 anos a xuvenil.

 

O  CD recompilatorio do certame coas dez cancións finalistas distribuirase nos colexios públicos.