A Deputación da Coruña convida á estrea da cantata "As rúas do vento ceibe" con música de Rogelio Groba e letra de Manuel María

A Deputación da Coruña convida á estrea da cantata "As rúas do vento ceibe" con música de Rogelio Groba e letra de Manuel María

Escrito el 30/10/2019


Dous grandes nomes da cultura galega como son o compositor Rogelio Groba e o escritor Manuel María son os protagonistas da cantata "As Rúas do Vento Ceibe" que o vindeiro sábado día 2 de novembro estrearase ás 20.30 horas no Teatro Colón da Coruña. A Deputación da Coruña promove este proxecto cultural que terá entrada libre até completar o aforo.

 

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, o director da Orquestra de Cámara de Galicia, Rogelio Groba e o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, participaron na presentación na Deputación da Coruña da estrea absoluta da cantata "As Rúas do Vento Ceibe". A Orquestra de Cámara de Galicia dirixida por Rogelio Groba e o Coro de Cámara de Pamplona, dirixido por David Gálvez participarán no concerto que terá lugar o vindeiro día 2 no Teatro Colón da Coruña con entrada libre.

 

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou que a Deputación da Coruña acollía así "un proxecto cultural que xunta dous dos grandes nomes da nosa cultura, o escritor Manuel María e o compositor Rogelio Groba, nunha iniciativa singular e única que sorprenderá e emocionará, un proxecto galego para a cultura do mundo".  Destacou tamén que con esta estrea sumábase unha nova obra ao amplo conxunto de cancións con letra de Manuel María que o fan o autor máis musicado da nosa cultura, despois de Rosalía.

 

Pola súa parte, o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, fixo especial fincapé na grandeza dos dous autores que xunta a cantata, o escritor Manuel María e o compositor Rogelio Groba que, no que, segundo sinalou,  "supón o encontro musical e poético de dúas figuras imprescindíbeis e especialmente relevantes da cultura galega".

 

Manuel María e Rogelio Groba, as coincidencias de dous grandes artistas

 

Debullou tamén as moitas "coincidencias" que unen ás figuras de Manuel María e Rogelio Groba entre as que destacou teren "contribuído coas súas inmensas obras a dignificarnos como pobo, obras nas que emerxe a galeguidade". Traxectorias parellas dos dous tamén, segundo sinalou Ansede, por "coñeceren polo miúdo a historia da música e a literatura, por teren a conciencia de ser un elo na construción desa historia, combinando a tradición coas achegas persoais máis orixinais que a actualizan e abren novos camiños". Finalmente, sinalou que os dous son autores "prolíficos, polifacéticos e que conseguiro ser populares en circunstancias moi difíciles"

 

"O encontro da obra musical e poética de  Rogelio Groba e Manuel María é un encontro absolutamente natural de dúas figuras nacionais que ergueron dous monumentos artísticos dos que nos sentimos orgullosos", finalizou Alberte Ansede.

 

Pola súa parte, o director da Orquestra de Cámara de Galicia agradeceu á Deputación da Coruña por facer realidade este proxecto e á Fundación Manuel María polo seu apoio á estrea da obra que, segundo dixo, é a primeira dun proxecto de tres cantatas que "xuntarán a palabra e a música dos dous autores nunha iniciativa de arte viva"

 

"Sen dúbida, trátase dunha iniciativa para elevar a autoestima e o amor do que somos e o que queremos ser, o amor polas artes e por Galiza que por medio dos seus bardos se traslada á universalidade", sinalou Rogelio Groba, fillo do compositor, que convidou á xente a asistir ao concerto para "coñecernos, amarnos e proxectarnos no futuro".