UNIVERSIDADE DE SANTIAGO E CONCELLO ASINAN UN PIONEIRO ACORDO POLO QUE RIVEIRA SERÁ SEDE PERMANENTE DO PROGRAMA DE MAIORES

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO E CONCELLO ASINAN UN PIONEIRO ACORDO POLO QUE RIVEIRA SERÁ SEDE PERMANENTE DO PROGRAMA DE MAIORES

Escrito el 30/10/2019


O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e o alcalde de Riveira, Manuel Ruiz, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a creación no noso municipio dunha sede permanente do programa universitario para maiores (IV Ciclo) da institución académica: a primeira fóra das cidades onde a USC concentra a súa actividade.

 

Logo de estampar as súas firmas no devandito acordo, Manuel Ruiz amosou a súa satisfacción por que á veciñanza desta contorna se lle abra á porta a proseguir a súa formación. A tal efecto, expresou o seu agradecemento tanto ao reitor Antonio López como a vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, artífice da materialización desta acción colaborativa logo de que en anos pasados se celebraran con grande éxito de participación na nosa localidade os chamados “Camiños de coñecemento e experiencia”.

 

Tamén Antonio López mostrou a súa satisfacción por poder seguir achegando así a universidade á cidadanía coa primeira sede fóra das instalacións da USC. O reitor fixo fincapé na lonxevidade que caracteriza á veciñanza galega e que con iniciativas como esta “somos o laboratorio do que se vai facer no resto de Europa dentro de vinte ou trinta anos”. Anunciou ademais que se está a traballar para crear sedes externas noutros municipios (citou o caso de Mondoñedo) e destacou o carácter multidisciplinar e transversal dos contidos que se imparten.

 

A este respecto, o programa universitario para maiores de 50 anos arrancará xa o vindeiro martes 5 de novembro ás 16.30 horas no Centro Cultural Lustres Rivas con “Fundamentos do dereito”.

 

Outras materias que se darán neste curso son “Iniciación á bioloxía humana”, “Xeografía de Galicia” e “A política hoxe”. O curso estenderase ata o 17 de xuño e toda a programación comprende un total de catro anos, logo dos cales aquelas persoas que a completen obterán unha titulación expedida pola propia USC.

 

Antes de rematar o evento, Antonio López firmou tamén no libro de honra do Concello.